– A alcaldesa Marta Rouco e o concelleiro Luis Fernández visitaron a zona tras rematar unha actuación que completa a mellora desta vía urbana
O Concello de Vilalba vén de rematar as obras de renovación da rúa do Rego, unha actuación que permitiu completar a mellora desta vía urbana tras a intervención executada previamente no seu primeiro tramo, no acceso desde o cruce coa rúa Plácido Peña.
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Luis Fernández, visitaron hoxe a zona para comprobar o resultado das obras unha vez finalizadas.
“Con esta actuación damos continuidade ao traballo que iniciamos neste ámbito e completamos a renovación dunha rúa que necesitaba unha mellora importante para garantir unha maior seguridade e comodidade no seu uso diario”, sinalou a alcaldesa durante a visita.
A intervención centrouse no segundo tramo da rúa do Rego, concretamente desde a altura do número 2 ata o final da vía, cun investimento que supera os 47.000 euros.
Os traballos incluíron a retirada do pavimento existente e das beirarrúas para executar unha nova superficie cunha plataforma única de formigón lavado, nunha área aproximada de 430 metros cadrados.
Neste sentido, Marta Rouco destacou que “este tipo de actuacións buscan non só renovar o pavimento, senón tamén adaptar as rúas a un modelo urbano máis cómodo e accesible para a veciñanza”.
Ademais da pavimentación, o proxecto incluíu a instalación dun sistema para a recollida e condución das augas pluviais, unha mellora que contribuirá a aumentar a funcionalidade e a durabilidade da vía.
A alcaldesa lembrou tamén que esta actuación forma parte do convenio impulsado dende a Alcaldía coa Deputación de Lugo, que permitiu mobilizar máis de 260.000 euros en investimentos no municipio. “A colaboración entre administracións é fundamental para poder seguir executando obras que melloran o día a día da veciñanza e que contribúen a seguir transformando os espazos públicos da nosa vila”, afirmou.
Nos próximos meses está prevista a instalación de nova iluminación LED, así como a incorporación de zonas de descanso, completando así a transformación desta vía.
Rouco subliñou que “seguimos traballando para mellorar progresivamente as rúas e os espazos públicos de Vilalba, porque cada actuación contribúe a facer unha vila máis cómoda e máis agradable para vivir”.
A renovación da rúa do Rego súmase así ás diferentes intervencións que o Concello está a desenvolver en distintos puntos do municipio co obxectivo de continuar avanzando na mellora das infraestruturas urbanas e na calidade dos espazos públicos.