Figura clave da música portuguesa será recoñecido pola súa traxectoria artística e pedagóxica
Vilalba acollerá os vindeiros 23 e 24 de maio de 2026 a IX Mostra Musical do Eixo Atlántico, un encontro de referencia para o talento musical novo dos municipios de Galicia e do Norte de Portugal, que nesta edición recoñecerá a traxectoria do prestixioso clarinetista, mestre e pedagogo António Saiote.
O acto de homenaxe terá lugar o domingo 24 de maio pola tarde, no marco da gala de clausura, coincidindo coa entrega de premios do certame. Este recoñecemento, impulsado polo Grupo Temático de Educación e Cultura do Eixo Atlántico, pon en valor a súa extraordinaria contribución á música clásica e á formación de novas xeracións de intérpretes.
António Saiote é unha das figuras máis relevantes da música portuguesa, cunha destacada carreira internacional como solista, director e docente. Foi primeiro clarinete da Orquestra Sinfónica do Porto, mentor e coorganizador do Congreso Mundial de Clarinete 2009 no Porto, foi director artístico do Festival e Academia de Guimarães, director artístico da orquestra sinfónica da ESMAE e do Meeting Internacional de Clarinete Marcos Romão, e membro fundador da Ópera Norte. Nun longo e notábel currículo, consolidouse ademais como intérprete de referencia nacional e internacional, tanto no repertorio clásico como contemporáneo. Ademais, desempeñou un papel fundamental na difusión da música portuguesa, estreando e gravando obras de numerosos compositores nacionais.
Como profesor catedrático da ESMAE do Porto, formou varias xeracións de clarinetistas hoxe presentes en orquestras e institucións educativas de todo o mundo, sendo unha peza clave na consolidación da denominada “escola portuguesa de clarinete”. A súa actividade como mestre e o seu compromiso coa educación musical completan unha traxectoria de enorme impacto na Eurorrexión.
IX Mostra Musical: 23 e 24 de maio en Vilalba
A Mostra Musical do Eixo Atlántico, organizada con carácter bienal desde 2008, reunirá nesta edición máis de 100 mozos e mozas músicos procedentes de escolas e conservatorios de música dos municipios membros do Eixo Atlántico. O evento desenvolverase no Conservatorio Profesional de Música de Vilalba e no Auditorio Municipal Carmen Estévez.
No certame participan solistas de ata 18 anos e agrupacións cuxos integrantes teñen idades de ata 25 anos. A competición estrutúrase en dúas fases: unha fase previa o sábado 23 de maio, na que o xurado seleccionará 12 finalistas, e unha fase final o domingo 24, pola mañá, na que se decidirán os gañadores. Todas as persoas premiadas reciben unha escultura do Eixo Atlántico e premios económicos que oscilan entre os 400 e os 2.500 euros.