Estudantes de Santa María da Feira participan durante dous días nun programa educativo e cultural en colaboración co CEIP Terra Chá de Román
O Concello de Vilalba recibiu hoxe a un grupo de escolares de sexto de primaria procedentes de Santa María da Feira (Aveiro, Portugal), no marco do programa de intercambios escolares impulsado polo Eixo Atlántico.
Durante dous días, hoxe xoves 9 e mañá venres 10 de abril, o alumnado participante desenvolverá en Vilalba un completo programa de actividades educativas, culturais e de lecer, co obxectivo de coñecer o municipio e compartir experiencias co alumnado local.
Nesta edición, o centro anfitrión será o CEIP Terra Chá de Román, que colabora na organización dunha proposta que combina convivencia, aprendizaxe e descubrimento do territorio.
A xornada de hoxe incluiu a recepción oficial no Concello por parte da alcaldesa, Marta Rouco, e a concelleira de Educación, Paula Vigo. A este respecto, a rexedora destacou a importancia deste tipo de iniciativas para “fortalecer os vínculos entre territorios e ofrecer ao alumnado experiencias que van máis alá da aula”, subliñando que “permiten que os nosos nenos e nenas coñezan outras realidades próximas, compartan cultura e constrúan relacións nun espazo común como é o da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal”.
Posteriormente, o alumnado desprazouse ao centro educativo para coñecer aos estudantes vilalbeses que, en vindeiras datas, participarán no intercambio visitando Portugal.
Ademais, ao longo do día realizarán diversas actividades, como unha visita á queixería Don Crisanto, onde poderán coñecer de primeira man o proceso de elaboración do queixo San Simón da Costa, un dos produtos máis representativos da vila. A xornada completarase cunha escape room analóxica na Praza de Santa María e na Torre dos Andrade, centrada na historia e nas curiosidades de Vilalba.
Mañá venres, o programa continuará con actividades na área recreativa da Madalena e no Paseo dos Soños, co fin de dar a coñecer tamén a riqueza natural do municipio. A visita rematará cun almorzo no centro educativo e unha actuación de despedida a cargo do mago Roberto Lolo.
Este é o segundo ano no que Vilalba participa neste programa, tras a experiencia desenvolvida o pasado ano con alumnado de Guimarães en colaboración co CEIP Insua Bermúdez. A participación do municipio enmárcase na súa adhesión ao Eixo Atlántico, formalizada en febreiro de 2025.
A alcaldesa incidiu ademais en que “Vilalba ten moito que ofrecer, e este tipo de programas son unha excelente oportunidade para amosalo desde unha perspectiva educativa e participativa”, reafirmando o compromiso do Concello con iniciativas que fomenten o intercambio cultural e educativo.