VILALBA ENTRA DE CHEO NO FIV CUNHA NOVA EDICIÓN QUE ENCHERÁ A VILA DE MÚSICA E AMBIENTE

A alcaldesa e a concelleira de Cultura destacan o impacto do festival na visita ao recinto xunto á presidenta da Deputación

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e a concelleira de Cultura, Mónica González, visitaron hoxe o recinto do FIV no campo da feira xunto á presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López; acompañadas polos concelleiros Eduardo Vidal, Paula Vigo e Modesto Renda, nas horas previas ao inicio dunha das fins de semana máis especiais para a capital chairega.

O festival, que celebra a súa décimo novena edición, volverá converter Vilalba nun punto de encontro arredor da música independente, cun programa que combina concertos nocturnos no recinto principal con actividade durante o día no centro da vila.

A alcaldesa puxo en valor o ambiente que xa se respira nas rúas e destacou a importancia do FIV máis alá da propia programación musical. “Estes días Vilalba transfórmase. Hai movemento, hai xente, hai vida. O FIV é unha oportunidade para que a nosa vila se abra, para que se vexa o que somos e o que podemos ofrecer”, sinalou.

Rouco incidiu tamén no impacto que o festival ten no conxunto da economía local. “Non falamos só de música. Falamos de actividade nos bares, nos comercios, na hostalaría…de xente que chega e coñece Vilalba. É un impulso moi importante para a nosa vila”.

Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Mónica González, destacou o traballo de organización que hai detrás desta nova edición, subliñando que “o FIV é un proxecto consolidado que require moita coordinación e planificación, pero que cada ano segue medrando e ofrecendo unha programación de calidade para públicos moi diversos”.

A alcaldesa quixo agradecer o traballo de todas as persoas implicadas na organización e no desenvolvemento do evento, así como a colaboración das administracións e dos servizos municipais que permiten que todo se leve a cabo con normalidade.

“Detrás dun evento así hai moito traballo que non se ve. Coordinación, planificación e moita implicación. Por iso tamén quero agradecer á veciñanza a súa comprensión e a súa participación, porque son parte fundamental do éxito do FIV”, destacou.

Durante a fin de semana, o recinto principal acollerá actuacións de artistas destacados da escena estatal como Carlos Ares, Alcalá Norte, La M.O.D.A. ou Ángel Stanich, xunto a outras propostas que completan un cartel diverso e atractivo. 

Ademais, a programación estenderase ao centro da vila, con concertos e actividades na Praza da Constitución, incluíndo sesións vermú, o concerto da Banda de Música de Vilalba, o karaoke FIV Stars e unha zona gastronómica que contribuirá a dinamizar aínda máis o ambiente.

“Estamos ante unha fin de semana única. Un deses momentos nos que Vilalba se enche de ambiente e de oportunidades. Agora tócanos vivila e desfrutala”, concluíu a alcaldesa, Marta Rouco.