– Marta Rouco lamenta un retraso “innecesario” que afectou ao funcionamento municipal e á tramitación de persoal, facturas e contratos do Concello
O Concello de Vilalba aprobou inicialmente os orzamentos municipais para o ano 2026 unha vez finalizado o prazo legal establecido tras a cuestión de confianza vinculada ás contas municipais.
Os orzamentos foron levados por primeira vez ao pleno o pasado 26 de marzo. Desde entón, Vilalba viviu case dous meses de retraso provocados pola negativa da oposición a permitir a entrada en vigor dun documento fundamental para o funcionamento normal do Concello.
Tal e como establece a normativa, os orzamentos quedan agora aprobados inicialmente e deberán publicarse no Boletín Oficial da Provincia para abrir o correspondente período de exposición pública. No caso de que non se presenten alegacións, as contas quedarán aprobadas definitivamente. Se existen reclamacións, será o pleno da corporación o encargado de resolvelas.
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, sinalou que “durante todo este tempo quedou demostrado que non existía unha alternativa real nin un proxecto diferente para Vilalba. O único que houbo foi unha estratexia de bloqueo que acabou retrasando de forma innecesaria cuestións importantes para o día a día do Concello e da veciñanza”.
Rouco explicou que esta demora afectou á posta en marcha de varias prazas de persoal previstas nos orzamentos e necesarias para reforzar servizos municipais, ademais de retrasar a tramitación de distintos contratos administrativos, subvencións e o pago dalgunhas facturas.
“Estas situacións acaban afectando á capacidade da administración para responder coa axilidade que merece a veciñanza e para continuar desenvolvendo proxectos importantes para o municipio”, indicou a rexedora.
A alcaldesa puxo en valor a actuación do goberno local durante todo o proceso, destacando “a responsabilidade, a estabilidade e o compromiso de seguir traballando pensando sempre no interese xeral de Vilalba”.
“Tivemos claro desde o primeiro momento que este Concello necesitaba uns orzamentos para seguir funcionando con normalidade, garantir servizos, impulsar investimentos e dar estabilidade ao municipio”, afirmou Marta Rouco.
A rexedora incidiu ademais en que o executivo municipal continuará centrado “na xestión, no traballo diario e en resolver os problemas reais da veciñanza”.
“O importante agora é que Vilalba conta xa cunha ferramenta fundamental para seguir avanzando con planificación, estabilidade e responsabilidade”, concluíu Marta Rouco.