– A alcaldesa destaca que a nova flota permitirá “seguir mellorando un servizo esencial para a veciñanza cun sistema máis moderno, eficaz e adaptado ás necesidades actuais do municipio”
A alcaldesa, Marta Rouco, e o concelleiro de Servizos Públicos Municipais, Eduardo Vidal, presentaron hoxe xunto á UTE Vilalba o conxunto completo da nova maquinaria incorporada ao servizo municipal de recollida de residuos e limpeza viaria, culminando así a renovación integral dos medios materiais incluídos no novo contrato do lixo.
A presentación completa a realizada meses atrás, cando xa entraran en funcionamento varios dos novos vehículos destinados á recollida e á limpeza viaria, e permite contar agora cunha flota integral renovada e adaptada ás diferentes necesidades do servizo tanto no casco urbano como nas parroquias.
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, destacou que “esta renovación supón un salto importante na calidade do servizo que se presta aos veciños e veciñas, cun sistema moito máis moderno, eficiente e preparado para responder ás necesidades actuais do municipio”.
Rouco lembrou que a mellora do servizo de limpeza e recollida de residuos foi “un dos grandes obxectivos marcados polo goberno local” e sinalou que “o cambio é notable tanto na limpeza viaria como no funcionamento diario da recollida, algo que moitos veciños e veciñas trasladan tamén ao Concello”.
A nova flota incorpora vehículos e maquinaria de última xeración destinados á recollida de residuos, limpeza viaria, transporte de voluminosos e actuacións rápidas de mantemento e limpeza en distintos puntos do municipio.
Entre os novos medios incorporados atópanse recolectores de carga lateral compactadores de gran capacidade para recollida urbana e rural, vehículos específicos para voluminosos, equipos de baldeo e limpeza intensiva, maquinaria auxiliar para actuacións rápidas e tamén vehículos eléctricos destinados a traballos en zonas especialmente sensibles.
O novo sistema incorpora ademais melloras relacionadas coa redución do impacto ambiental, a diminución do ruído, a eficiencia operativa e a seguridade laboral do persoal encargado do servizo.
A alcaldesa puxo en valor tamén “o importante esforzo inversor realizado dentro do novo contrato”, cun investimento global superior aos 2,1 millóns de euros destinados á renovación da maquinaria vinculada tanto ao servizo de recollida de residuos como á limpeza viaria.
“Falamos dunha inversión moi importante que permite contar por primeira vez en moitos anos cunha flota completamente renovada e acorde ás dimensións e necesidades reais de Vilalba”, afirmou o concelleiro de Servizos Públicos Municipais, Eduardo Vidal.
De forma paralela á incorporación da nova maquinaria, continúan tamén os traballos de execución de bases de formigón e instalación de sistemas suxeita-contedores nas parroquias, actuacións que xa están mellorando a seguridade viaria e a operatividade da recollida no rural.
A rexedora destacou que “o obxectivo do goberno local é seguir avanzando cara un modelo de servizo máis eficaz, máis sostible e que mellore o día a día da veciñanza tanto no casco urbano como nas parroquias”.
“O importante é que Vilalba conta agora cun servizo moito máis preparado, moderno e adaptado ao municipio que queremos seguir construíndo”, concluíu Marta Rouco.