VILALBA CONVÉRTESE ESTA FIN DE SEMANA NO EPICENTRO DA MÚSICA CLÁSICA E DO JAZZ COA IX MOSTRA MUSICAL DO EIXO ATLÁNTICO

A vila acollerá concertos, probas musicais e actividades abertas ao público nun encontro internacional que reunirá a mozos intérpretes de Galicia e do norte de Portugal

Vilalba acollerá esta fin de semana a IX Mostra Musical do Eixo Atlántico, un encontro cultural e musical que converterá a vila nun dos principais puntos de referencia da música clásica e do jazz da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

A Mostra Musical reunirá a mozos e mozas intérpretes procedentes dos municipios membros do Eixo Atlántico, contando coa participación de solistas de ata 18 anos —divididos en catro grupos de idade— e tamén de agrupacións musicais con integrantes de ata 25 anos.

A programación desenvolverase entre o xoves 21 e o domingo 24 de maio e incluirá tanto as probas musicais do certame como diferentes actividades abertas ao público co obxectivo de achegar a música á veciñanza e converter Vilalba nun auténtico escenario musical durante toda a fin de semana.

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, destacou que “é un orgullo para Vilalba acoller un evento internacional destas características, que sitúa á nosa vila como referente cultural e musical durante toda unha fin de semana”.

Rouco sinalou ademais que “a Mostra Musical supón tamén unha oportunidade para seguir dinamizando Vilalba, atraer visitantes e encher as rúas de actividade, convivencia e cultura”.

A programación arrancará este xoves, 21 de maio, no Auditorio Municipal coa celebración de dous concertos didácticos da Escola Municipal de Música de Vilalba dirixidos aos centros educativos.

Na primeira sesión, prevista para as 10:30 horas, participarán 472 escolares do CEIP Insua Bermúdez, o CEIP Terra Chá e a Escola de Educación Infantil de Vilalba. Posteriormente, ás 12:00 horas, celebrarase unha segunda quenda con 471 alumnos e alumnas do CEIP Mato Vizoso, o CEIP Monseivane e o CEIP Plurilingüe de Xermade. 

O venres 22 de maio continuará a programación co concerto do grupo A Quenlla, referente da música folk e tradicional galega, que terá lugar ás 20:30 horas na Praza da Constitución e que, en caso de choiva, se trasladará ao Auditorio Municipal.

Xa o sábado 23 de maio, a actividade centrarase no Auditorio Municipal e no Conservatorio Profesional de Música de Vilalba, onde desde as 9:00 horas se desenvolverán as probas dos participantes. Ás 19:45 horas anunciaranse os 12 finalistas desta novena edición.

A programación do sábado completarase co concerto da Banda de Música de Vilalba, previsto para as 20:30 horas na Praza da Constitución e que tamén se trasladará ao Auditorio Municipal en caso de choiva.

O domingo 24 de maio terá lugar a última xornada da Mostra Musical, arrancando novamente ás 9:00 horas coas probas dos finalistas. Xa pola tarde, ás 16:00 horas, celebrarase no Auditorio Municipal o acto de clausura e entrega de premios, aberto ao público.

Durante esta gala proxectarase un vídeo resumo da Mostra Musical celebrada en Vilalba e contará tamén coa actuación musical do dúo Xeosmina, formado por Noelia Geada e David Taboada.

A clausura servirá ademais para render homenaxe ao músico portugués António Saiote, considerado unha das figuras máis destacadas da música portuguesa contemporánea. Durante o acto celebrarase tamén unha intervención musical na súa honra e procederase á entrega dos premios desta novena edición da Mostra Musical do Eixo Atlántico.

As persoas premiadas recibirán unha escultura representativa do Eixo Atlántico e premios económicos que oscilarán entre os 400 e os 2.500 euros.

A alcaldesa destacou finalmente que “Vilalba vivirá unha fin de semana moi especial arredor da música, cun evento que combina talento, formación, cultura e convivencia nun ambiente aberto á participación da veciñanza”.