VILALBA PECHA CON ÉXITO A IX MOSTRA MUSICAL DO EIXO ATLÁNTICO TRAS UNHA FIN DE SEMANA MARCADA POLA MÚSICA E A CONVIVENCIA

A alcaldesa, Marta Rouco, destaca o impacto cultural, social e económico dunha fin de semana que encheu a vila de actividade e visitantes

Vilalba puxo este domingo o broche final á IX Mostra Musical do Eixo Atlántico tras unha intensa fin de semana na que a vila se converteu nun gran escenario musical e cultural da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

O Auditorio Municipal acolleu o acto de clausura e entrega de premios dunha edición histórica para Vilalba, primeira sede chairega deste encontro internacional que reuniu durante varios días a mozos e mozas intérpretes de música clásica e jazz procedentes de Galicia e do norte de Portugal.

A gala de clausura, aberta ao público, contou coa actuación musical do dúo Xeosmina, formado por Noelia Geada e David Taboada, así como coa proxección dun vídeo resumo da Mostra Musical celebrada na vila.

Un dos momentos máis destacados do acto foi a homenaxe ao músico portugués António Saiote, unha das figuras máis relevantes da música portuguesa contemporánea pola súa traxectoria como clarinetista, director de orquestra e docente, cun importante labor na formación de novas xeracións de músicos.

A gala incluíu tamén unha intervención musical na súa honra e a entrega de premios desta novena edición da Mostra Musical do Eixo Atlántico cuxos galardoados foron:

  • Categoría Solistas Grupo A: Mafalda Silva, do municipio de Gondomar.
  • Categoría Solistas Grupo B: Gil Brito, do municipio de Porto. 
  • Categoría Solistas Grupo C: João Rosa, do municipio de Gondomar.
  • Categoría Solistas Grupo D: Miguel Ribeiro, do municipio de Santa María da Feira e o xurado atribuiu unha mención de honra a Romeu Machado, do municipo de Fafe.
  • Agrupacións de Cámara: Quintento de Sopros, do municipio de Vila Nova de Famalicão e o xurado atribuiu unha mención de honra a Grupo de Sopros, do Barco de Valdeorras.
  • Agrupacións Maiores: o galardón quedou deserto e o xurado outorgou unha mención de honra á Minibanda de Sarria.

No acto participaron a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez, que interviron durante a gala de clausura destacando a importancia deste encontro musical para reforzar os vínculos culturais entre Galicia e o norte de Portugal.

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, destacou que “esta Mostra Musical permitiu demostrar que Vilalba está preparada para acoller eventos internacionais de primeiro nivel e para converterse durante unha fin de semana nun punto de referencia cultural da eurorrexión”.

Rouco sinalou ademais que “durante estes días a vila viviu un ambiente extraordinario arredor da música, con actividade constante, visitantes, familias e participantes enchendo Vilalba de vida e movemento”.

A rexedora puxo especialmente en valor “o impacto positivo que eventos destas características teñen tamén para o comercio, a hostalaría e a dinamización da vila” e destacou que “apostar pola cultura é tamén apostar por xerar actividade, oportunidades e proxección exterior para Vilalba”.

Marta Rouco lembrou ademais que “a incorporación de Vilalba ao Eixo Atlántico permitiu abrir novas oportunidades para o municipio e participar en proxectos culturais e educativos de carácter internacional que enriquecen a vida social e cultural da vila”.

A alcaldesa agradeceu o traballo realizado por todas as persoas implicadas na organización da Mostra Musical e quixo trasladar un recoñecemento especial “aos mozos e mozas participantes e ás súas familias polo esforzo, a dedicación e a ilusión que hai detrás de cada actuación”.

Ao longo da fin de semana, Vilalba acolleu concertos, actividades didácticas, probas musicais e eventos abertos ao público que reuniron a centos de asistentes arredor da música clásica e do jazz.