– A primeira fase da actuación permitirá substituír integralmente a tubaxe de auga mediante unha nova rede de PVC e quedará completada nun prazo estimado de tres meses
O Concello de Vilalba vén de aprobar a execución das obras para levar a cabo a renovación da rede de abastecemento da rúa Cidade de Viveiro, unha actuación considerada prioritaria polo avanzado estado de deterioro que presenta esta infraestrutura e polas continuas avarías rexistradas nos últimos anos.
A actuación centrarase nunha primeira fase na substitución integral da tubaxe de abastecemento de auga, considerada a intervención máis urxente e necesaria para garantir a continuidade e fiabilidade do servizo.
O Concello conta xa co proxecto técnico e cos informes que acreditan a necesidade da actuación, que permitirá dar resposta a unha situación que vén xerando incidencias recorrentes na zona desde hai máis dunha década.
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, destacou que “coa aprobación desta obra damos un paso decisivo para afrontar unha situación que levaba anos provocando problemas continuos á veciñanza e que xa non podía seguir resolvéndose unicamente con actuacións puntuais”.
A rexedora explicou que “somos conscientes das molestias que ocasionaron as avarías rexistradas nos últimos anos e precisamente por iso decidimos priorizar unha actuación estrutural que permita actuar sobre a causa do problema e non continuar intervindo só cando aparece unha incidencia”.
As roturas na rede véñense producindo de forma continuada desde o ano 2013 e os datos dispoñibles amosan unha evolución crecente das incidencias, especialmente concentradas nos últimos anos, circunstancia que confirma o progresivo deterioro da infraestrutura e a perda da súa capacidade estrutural.
O concelleiro de Servizos Públicos Municipais, Eduardo Vidal, explicou que “esta actuación permitirá renovar completamente a rede de abastecemento mediante a instalación de novas conducións adaptadas ás necesidades actuais do servizo e reducir de maneira significativa o risco de novas avarías”.
Vidal detallou que os traballos consistirán na retirada das tubaxes existentes e na instalación dunha nova rede de PVC, acompañada da colocación de novas válvulas para modernizar completamente o sistema de abastecemento.
O prazo estimado para a execución desta primeira fase será de tres meses desde o inicio efectivo das obras.
Desde o Concello precisan que esta actuación non incluirá nesta fase a renovación da estrada nin das beirarrúas, intervencións que quedarán pendentes para unha segunda fase.
Marta Rouco subliñou que “a renovación integral da rede de abastecemento era a actuación máis urxente porque sen resolver esta infraestrutura non tería sentido acometer outras melloras na rúa”.
A alcaldesa concluíu sinalando que “seguiremos traballando para continuar avanzando na mellora integral deste entorno e ir dando resposta a necesidades que durante moito tempo permaneceron sen unha solución de fondo”.