A VIII NOCTURNA SAN RAMÓN VOLVERÁ CONVERTER VILALBA NUN PUNTO DE ENCONTRO PARA O DEPORTE POPULAR O PRÓXIMO 22 DE AGOSTO

A carreira, presentada hoxe na Casa da Cultura, formará parte por segundo ano consecutivo do circuíto de carreiras populares da Terra Chá e celebrarase nas xornadas previas ao inicio das festas de San Ramón e Santa María

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e a concelleira de Deportes, Paula Vigo, participaron hoxe na Casa da Cultura na presentación da VIII Nocturna San Ramón – Carreira Popular Vilalba, acompañadas por Luis Graña e Aitor Lozano, presidente e secretario respectivamente do Clube Atletismo Vilalba.

A proba celebrarase o sábado 22 de agosto, nas xornadas previas ao inicio da programación das festas de San Ramón e Santa María, consolidándose un ano máis como unha das citas deportivas do verán no municipio.

Ademais, por segundo ano consecutivo, a carreira formará parte do circuíto de carreiras populares da Terra Chá, reforzando así a súa proxección dentro do calendario deportivo da comarca.

A xornada contará con diferentes categorías adaptadas ás distintas idades e niveis de participación: pitufos, sub10, sub12, sub14, sub16, andaina e absoluta.

As saídas comezarán ás 20:00 horas coa categoría pitufos e rematarán ás 21:15 horas coa saída da carreira absoluta. As persoas interesadas en participar poderán realizar a súa inscrición ata o 20 de agosto de 2026.

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, destacou que “a Nocturna San Ramón xa forma parte da programación deportiva e tamén da antesala das nosas festas, converténdose nunha cita que cada ano reúne deporte, convivencia e participación”.

Rouco sinalou que “para nós é importante seguir consolidando eventos que atraian xente a Vilalba e que permitan que as rúas se enchan de actividade tamén antes do inicio oficial das festas”.

Pola súa banda, a concelleira de Deportes, Paula Vigo, destacou “o traballo constante do Clube Atletismo Vilalba para facer crecer esta carreira e convertela nunha proba recoñecida dentro do calendario deportivo da comarca”.

Vigo subliñou tamén que “o formato da Nocturna permite que poidan participar persoas de diferentes idades e condicións físicas, facendo do deporte unha actividade aberta e accesible”.

Desde o Concello animan á veciñanza e ás persoas afeccionadas ao atletismo a participar e desfrutar dunha cita que volverá combinar deporte e ambiente festivo nas rúas de Vilalba.

Inscricións en: https://ccnorte.com/evento/inscritos/id/3324