– O martes 30 de xuño celebrarase unha xornada aberta ao público sobre este fenómeno astronómico na que se entregarán gafas homologadas e dípticos informativos gratuítos para os/as asistentes
O Concello de Vilalba continúa traballando na preparación das actividades relacionadas co eclipse total de sol que terá lugar o 12 de agosto de 2026, un acontecemento excepcional que converterá a provincia de Lugo nun dos mellores lugares de Europa para observar este fenómeno astronómico.
Neste marco, o Concello informa da celebración dunha xornada divulgativa aberta á veciñanza, que terá lugar o martes 30 de xuño, ás 11:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, impartida pola doutora en Astrofísica e divulgadora científica Lucía González Cuesta.
A actividade forma parte do programa “Provincia de Lugo, un lugar único para un momento inesquecible”, promovido pola Deputación Provincial de Lugo para achegar á cidadanía información rigorosa sobre o eclipse e facilitar a súa observación en condicións de seguridade.
Durante a xornada repartiranse gratuitamente entre as persoas asistentes folletos informativos e gafas homologadas, imprescindibles para observar o eclipse de maneira segura, así como dípticos informativos con recomendacións e explicacións sobre este fenómeno astronómico.
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, destacou que “o eclipse do 12 de agosto de 2026 será un acontecemento histórico que situará á nosa provincia nun lugar privilexiado e queremos que a veciñanza poida vivilo coa maior información e seguridade posible”.
Rouco sinalou que “desde o Concello queremos colaborar para achegar todos os recursos dispoñibles á cidadanía e animamos a todas as persoas interesadas a participar nesta charla, que será unha magnífica oportunidade para coñecer mellor un fenómeno astronómico que dificilmente volveremos vivir nas mesmas condicións”.
O Concello lembra que a observación directa do sol só debe realizarse utilizando gafas especificamente homologadas para este fin, evitando calquera outro método que poida provocar danos irreversibles na visión.
Desde o goberno municipal seguirase colaborando nas diferentes iniciativas previstas arredor do eclipse e traballando nunha programación específica para aproveitar este acontecemento único tanto desde o punto de vista divulgativo como social.