A alcaldesa, Marta Rouco, participará na inauguración oficial dunha programación que dará a coñecer o patrimonio, a cultura, a gastronomía e as tradicións vilalbesas a máis de 450 quilómetros da nosa vila
O Concello de Vilalba participará esta fin de semana no evento “Galicia Pueblo a Pueblo”, que se celebrará na localidade biscaíña de Sestao e que, nesta edición, estará integramente dedicado á capital chairega.
A alcaldesa, Marta Rouco, desprazarase ata Sestao para participar na inauguración oficial do evento, que terá lugar na tarde do venres xunto ao alcalde de Sestao, Gorka Álvarez, representantes da Agrupación Hijos de Galicia de Sestao e demais autoridades.
Ao longo da fin de semana desenvolverase unha ampla programación cultural, gastronómica e artesanal coa que se dará a coñecer a riqueza patrimonial, natural e cultural de Vilalba.
Durante os tres días, a Praza do Kasko converterase nun escaparate da nosa vila, cun espazo expositivo no que os visitantes poderán descubrir os principais atractivos turísticos de Vilalba, as súas festas, a súa oferta cultural e o seu patrimonio. Ademais, haberá postos de gastronomía e artesanía galega, catas comentadas de viños de Galicia e diversas actuacións musicais e folclóricas.
Entre as actividades previstas destaca tamén a actuación do grupo vilalbés “Noxo me das”, que levará a música da Chaira ata Biscaia na noite do sábado, compartindo escenario con outras propostas musicais ao longo da fin de semana.
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, destacou que “é unha enorme satisfacción que Vilalba fose o municipio escollido para protagonizar esta edición de Galicia Pueblo a Pueblo. É unha oportunidade excepcional para dar a coñecer todo o que somos a centos de quilómetros da nosa terra e para seguir proxectando a imaxe dunha vila viva, acolledora e con moito que ofrecer”.
Rouco subliñou que “a promoción exterior tamén forma parte do traballo dun Concello. Levar o nome de Vilalba fóra das nosas fronteiras significa abrir novas oportunidades para a hostalaría, para o comercio e para todos aqueles sectores que contribúen ao desenvolvemento económico do municipio”.
A rexedora lembrou ademais que esta participación “encaixa na liña de traballo que se vén desenvolvendo desde o Concello para situar a Vilalba como un referente na organización de eventos e na promoción do territorio”. Neste sentido, recordou que nos últimos meses a vila foi escenario de importantes citas deportivas, culturais e institucionais que contribuíron a reforzar a súa proxección tanto dentro como fóra de Galicia.
O evento Galicia Pueblo a Pueblo, organizado pola Agrupación Hijos de Galicia de Sestao, reunirá ao longo da fin de semana a centos de persoas arredor dunha programación pensada para achegar a realidade de Vilalba ao público vasco e á numerosa comunidade galega residente na contorna.
Con esta iniciativa, o Concello reafirma o seu compromiso coa promoción do municipio e coa difusión da súa identidade, convencido de que dar a coñecer Vilalba máis aló das súas fronteiras é tamén unha forma de crear oportunidades e atraer novos visitantes á nosa vila.