A alcaldesa, Marta Rouco, participou na inauguración oficial dun evento que promove a riqueza cultural, patrimonial e gastronómica da vila a máis de 450 quilómetros de distancia
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, participou este venres na inauguración oficial do evento “Galicia Pueblo a Pueblo”, que se celebra durante toda a fin de semana en Sestao (Biscaia) e que, nesta edición, ten a Vilalba como gran protagonista. A rexedora estivo acompañada pola concelleira Paula Vigo nunha xornada arredor da cultura, a gastronomía e as tradicións galegas.
Durante a súa intervención, Marta Rouco agradeceu á Agrupación Hijos de Galicia de Sestao, organizadora do evento, o traballo que desenvolve para manter vivas as raíces galegas entre a comunidade emigrante e por escoller a Vilalba para protagonizar esta edición de Galicia Pueblo a Pueblo. A alcaldesa fixo extensivo este agradecemento ao Ayuntamiento de Sestao pola súa colaboración e pola excelente acollida brindada á delegación vilalbesa.
Rouco asegurou que “para Vilalba é unha inmensa honra estar hoxe aquí representando a toda unha vila e a todos os vilalbeses e vilalbesas. Recibimos esta invitación con enorme ilusión porque supón unha oportunidade extraordinaria para compartir con centos de persoas todo o que somos e todo o que temos para ofrecer”.
Durante o seu discurso, a alcaldesa quixo facer un emotivo recoñecemento á emigración galega e, de maneira especial, aos vilalbeses e vilalbesas que desenvolveron o seu proxecto de vida lonxe da súa terra. “Unha vila non remata nos seus límites xeográficos. Tamén vive en cada persoa que a leva no corazón, estea onde estea”, afirmou, agradecendo aos emigrantes que continúen sendo “os mellores embaixadores de Vilalba” alá onde viven.
A rexedora aproveitou tamén para convidar aos asistentes a descubrir a esencia de Vilalba, destacando a súa riqueza patrimonial, cultural e gastronómica. Durante a súa intervención fixo referencia ao Queixo San Simón da Costa, ao Capón de Vilalba, ao tradicional roscón, ao río da Madalena, ás parroquias e ás festas patronais de San Ramón e Santa María, que cada ano se converten nun punto de encontro para centos de persoas que regresan á súa terra para reencontrarse coa familia, cos amigos e coas súas raíces.
“Vilalba é moito máis do que podemos contar nun discurso. Hai que pasear polas súas rúas, coñecer á súa xente, descubrir as súas paisaxes e vivir as súas tradicións para entender realmente o que significa esta terra”, sinalou Marta Rouco, quen animou aos asistentes a visitar a vila e coñecer de primeira man todo o que ten para ofrecer.
Ao longo da fin de semana, Vilalba contará cun espazo propio na Praza do Kasko, onde se promocionarán os principais atractivos turísticos, culturais e gastronómicos do municipio, nunha iniciativa que busca proxectar a imaxe da vila máis aló de Galicia e contribuír á atracción de novos visitantes.
