VILALBA ACOLLERÁ O PRÓXIMO 29 DE XULLO O TROFEO CONCELLO DE VILALBA QUE ENFRONTARÁ AO RC DEPORTIVO DA CORUÑA E O CD LUGO

O Estadio Municipal da Madalena será escenario dun partido amigable entre dous históricos do fútbol galego, nun evento organizado pola Asociación de Promoción Social e Xuvenil Sagrado Corazón coa colaboración do Concello de Vilalba

A Casa da Cultura de Vilalba acolleu hoxe a presentación oficial do Trofeo Concello de Vilalba 2026, que se disputará o vindeiro 29 de xullo, ás 19:30 horas, no Estadio Municipal da Madalena, e que enfrontará ao RC Deportivo da Coruña e ao CD Lugo nun encontro amigable entre dous dos clubs máis representativos do fútbol galego.

No acto participaron a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco; a concelleira de Deportes, Paula Vigo; Óscar Engroba, presidente da Asociación de Promoción Social e Xuvenil Sagrado Corazón, entidade organizadora do evento; e Javi Recio, en representación do CD Lugo.

O encontro, que terá lugar no Estadio Municipal da Madalena, permitirá achegar ata Vilalba a dous clubs históricos do fútbol galego e converterá a vila nun punto de encontro para afeccionados chegados desde diferentes puntos de Galicia.

Desde o Concello destacan que a celebración deste tipo de eventos forma parte da estratexia do goberno municipal para continuar dinamizando a vila mediante a organización e acollida de actividades deportivas, culturais e de lecer capaces de atraer visitantes e xerar actividade económica no municipio.

Neste sentido, o executivo local considera que iniciativas como o Trofeo Concello de Vilalba contribúen non só a ampliar a oferta de actividades para a veciñanza, senón tamén a reforzar a proxección exterior da vila e consolidar Vilalba como un destino atractivo para a celebración de eventos ao longo de todo o ano.

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, destacou durante a presentación que “queremos seguir facendo de Vilalba un lugar no que pasen cousas, unha vila dinámica e activa, capaz de atraer eventos e visitantes durante todo o ano”.

A rexedora explicou ademais que “cada actividade destas características supón tamén unha oportunidade para a hostalaría, para o comercio e para a economía local, ademais de contribuír a proxectar a imaxe de Vilalba máis aló das nosas fronteiras”.

Rouco sinalou tamén que “o deporte é unha extraordinaria ferramenta de dinamización social e económica e este encontro entre o Deportivo e o Lugo encaixa perfectamente no modelo de vila polo que estamos apostando: unha Vilalba viva, con actividade e con capacidade para acoller eventos de referencia”.

Pola súa banda, a concelleira de Deportes, Paula Vigo, destacou a importancia de seguir ampliando a oferta deportiva do municipio e de aproveitar instalacións como o Estadio Municipal da Madalena para acoller citas de primeiro nivel que complementen a intensa actividade deportiva que se desenvolve ao longo de todo o ano en Vilalba.

O Trofeo Concello de Vilalba está organizado pola Asociación de Promoción Social e Xuvenil Sagrado Corazón e conta coa colaboración do Concello de Vilalba.

As entradas para asistir ao encontro xa se atopan á venda a través da plataforma habilitada pola organización: deporlugo.foroentradas.es