A XIRA DOS MAIORES VOLVERÁ ABRIR AS FESTAS DE SAN RAMÓN E SANTA MARÍA CUNHA XORNADA DE ENCONTRO NA MADALENA

A alcaldesa, Marta Rouco, e a concelleira Paula Vigo presentaron unha nova edición desta cita que se celebrará o 26 de agosto e que se enmarca na aposta municipal por promover o envellecemento activo e crear espazos de encontro para as persoas maiores.

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e a concelleira Paula Vigo presentaron hoxe a programación da Xira dos Maiores 2026, unha cita que volverá converterse no acto encargado de abrir as festas de San Ramón e Santa María.

A xornada celebrarase o vindeiro mércores 26 de agosto na explanada da área recreativa da Madalena, cun programa pensado para favorecer a convivencia, o reencontro e o desfrute das persoas maiores do municipio.

As actividades darán comezo ás 12:30 horas cunha misa cantada pola Coral Luar, á que seguirá unha sesión vermú amenizada polo Dúo Venus.

Ás 14:30 horas terá lugar o tradicional xantar popular, cun menú composto por xamón cocido, polbo, churrasco e criollo, sobremesa, pan, bebida e café, cun prezo de 20 euros por persoa.

O Concello de Vilalba, a través da Concellería de Servizos Sociais, asumirá unha parte importante do custo do menú co obxectivo de que o prezo non supoña un impedimento para a participación de ningunha persoa maior que queira asistir á xornada.

Será imprescindible anotarse previamente, podendo facelo no punto de información da Casa do Concello ou chamando ao teléfono 982 51 03 05, sendo o 21 de agosto a data límite para formalizar as inscricións.

Ao remate do xantar, a celebración continuará cunha tarde de baile que volverá estar amenizada polo Dúo Venus.

A iniciativa está organizada pola Alcaldía e pola Concellería de Servizos Sociais, dentro da liña de traballo que vén desenvolvendo para promover espazos de encontro, convivencia e participación para as persoas maiores do municipio.

Neste sentido, desde o Concello de Vilalba lembran que a Xira dos Maiores forma parte dunha aposta máis ampla que inclúe outras iniciativas como os bailes periódicos no Centro Cultural ou as actividades de dinamización que se desenvolven ao longo do ano nas parroquias, co obxectivo de fomentar un envellecemento activo e contribuír a combater situacións de soidade non desexada.

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, destacou que “as persoas maiores merecen ter os seus propios espazos para compartir, reencontrarse e desfrutar, e desde o Concello queremos seguir creando oportunidades para que continúen participando activamente na vida social do municipio”.

Rouco sinalou ademais que “esta actividade forma parte dunha política clara de apoio ás persoas maiores, apostando por iniciativas que favorezan a convivencia, a participación e o envellecemento activo”.

Desde o Concello de Vilalba animan ás persoas maiores do municipio a participar nesta nova edición da Xira dos Maiores e a compartir unha xornada de convivencia que volverá marcar o inicio das festas patronais de Vilalba.