VILALBA AMOSA AO MINISTRO DE INDUSTRIA E TURISMO O SEU POTENCIAL INDUSTRIAL, TURÍSTICO E PATRIMONIAL

A alcaldesa, Marta Rouco, recibiu a Jordi Hereu na Casa do Concello e acompañouno durante unha visita na que puido coñecer proxectos estratéxicos para o presente e o futuro do municipio.

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, recibiu hoxe na Casa do Concello ao ministro de Industria e Turismo, Jordi Hereu, nunha visita institucional que serviu para amosarlle algúns dos proxectos e investimentos que están a contribuír á transformación e ao desenvolvemento do municipio nos ámbitos da modernización dos servizos públicos, a industria e o turismo.

Durante a recepción institucional, o ministro asinou no Libro de Honra do Concello e percorreu as instalacións da Casa do Concello, recentemente sometida a unha rehabilitación integral a través do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP), cun investimento superior aos 1,1 millóns de euros.

A actuación permitiu modernizar e mellorar a eficiencia enerxética do edificio mediante a instalación de placas solares fotovoltaicas, a renovación integral da iluminación con tecnoloxía LED e a mellora da envolvente exterior, incorporando ademais medidas orientadas á accesibilidade e á mellora da atención á cidadanía, como a implantación dun sistema de orientación guiado por cores ou a adaptación dos espazos para persoas con mobilidade reducida.

Posteriormente, a alcaldesa acompañou ao ministro na súa visita ás instalacións de Entrepinares, no polígono industrial Sete Pontes, onde a compañía prevé investir 20 millóns de euros para a implantación dunha nova liña de produción de queixo cottage cunha capacidade superior aos 7 millóns de quilos anuais.

O proxecto permitirá a creación de arredor de 60 postos de traballo vinculados a esta nova actividade, consolidando o papel de Vilalba como un polo industrial e agroalimentario destacado en Galicia.

A alcaldesa, Marta Rouco, destacou que “Vilalba está demostrando que conta coas condicións necesarias para atraer investimentos, xerar emprego e ofrecer oportunidades ás persoas que queren desenvolver aquí o seu proxecto de vida”.

A rexedora sinalou ademais que “a aposta de empresas como Entrepinares por seguir medrando en Vilalba é tamén unha mostra da confianza no potencial industrial e humano do noso municipio”.

A xornada concluíu no Parador de Vilalba, onde o ministro puido coñecer os traballos de conservación e posta en valor levados a cabo recentemente na Torre dos Andrade, símbolo da vila e un dos principais referentes patrimoniais e turísticos da comarca.

Estas actuacións supuxeron un investimento próximo aos 950.000 euros, financiados a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia con fondos europeos Next Generation xestionados por Turespaña.

Marta Rouco destacou finalmente que “a visita permitiu amosar unha imaxe moi representativa da Vilalba actual: unha vila que moderniza os seus servizos públicos, que continúa xerando actividade económica e emprego e que aposta tamén por conservar e poñer en valor o seu patrimonio e os seus recursos turísticos”.

A alcaldesa agradeceu ao ministro a súa visita ao municipio e o interese mostrado polos proxectos que se están a desenvolver actualmente en Vilalba, así como o compromiso do Goberno Central co impulso de iniciativas que contribúan ao desenvolvemento económico e social do territorio.