A sesión, convocada para as 10:30 horas, incluirá a aprobación de actuacións nas piscinas municipais, no parque empresarial e na parroquia de Belesar
O Concello de Vilalba celebrará este xoves, 6 de agosto, ás 10:30 horas, unha sesión extraordinaria do pleno municipal na que o equipo de goberno levará para a súa aprobación tres proxectos destinados a seguir mellorando as infraestruturas municipais e avanzar na eficiencia enerxética do municipio.
O primeiro dos asuntos será a aprobación do proxecto para a instalación dunha cuberta vexetal de sedum nas instalacións das piscinas municipais exteriores, unha actuación cun investimento de 48.000 euros, financiada nun 80% mediante unha subvención da Xunta de Galicia conseguida por concorrencia competitiva.
O sistema instalarase sobre a cuberta da zona de vestiarios e dependencias anexas, contribuíndo a mellorar o comportamento térmico do edificio, reducir o impacto das altas temperaturas e avanzar na adaptación das instalacións municipais aos retos derivados do cambio climático.
O equipo de goberno volverá defender este proxecto levado ao pasado pleno, ao considerar que se trata dunha actuación beneficiosa para o municipio e dunha oportunidade para executar un investimento cun importante nivel de financiamento externo.
A orde do día inclúe tamén a aprobación da segunda fase do proxecto de aforro e eficiencia enerxética do alumeado público no parque empresarial, cun orzamento de 104.060,40 euros.
A actuación permitirá substituír 137 puntos de luz por novas luminarias LED de alta eficiencia con regulación por dobre nivel, o que reducirá o consumo eléctrico en máis dun 40% e permitirá un aforro estimado de 4.391,68 euros anuais na factura eléctrica municipal.
Finalmente, o pleno abordará a actualización do proxecto para a rexeneración dos accesos ao núcleo de Cabanamille, na parroquia de Belesar, financiado mediante un convenio coa Deputación de Lugo.
A actuación inclúe a limpeza de cunetas e a reparación do firme das principais vías do núcleo, actuando sobre máis de 4 quilómetros das mesmas.
Este proxecto, que xa fora aprobado pola corporación, volverá someterse á consideración do pleno tras actualizar os seus prezos, co obxectivo de iniciar un novo procedemento de licitación despois de que o anterior quedase deserto ao non presentarse ningunha empresa.
Con estas iniciativas, o equipo de goberno continúa impulsando novos investimentos destinados a mellorar os servizos públicos, renovar infraestruturas municipais e avanzar nun modelo de municipio máis sostible, eficiente e adaptado ás necesidades da veciñanza.