Vilalba, 05 de Agosto de 2026. O Vicealcalde e responsable de Urbanismo do Concello de Vilalba, Modesto Renda, anunciou hoxe unha moi agardada iniciativa, isto é: a revisión ao completo do Inventario de Camiños Municipal.
Promovido na pasada lexislatura, o documento estaba a ser obxecto de múltiples solicitudes de modificación e tal e como declarou Renda “había que actuar”.
Así, dende a Vicealcaldía vense de proceder á contratación da empresa especializada “Procat Ingeniería” por valor de 11.071,50€, a fin de revisar todas e cada unha das alegacións e recursos presentados dende a súa aprobación definitiva en outubro de 2023.
Renda explicou que o obxectivo fundamental que o moveu a tomar a decisión é o de “dar seguridade xurídica aos moitos veciños de vila e parroquias que alegaron” resolvendo “unha a unha” as súas solicitudes.
“Queremos actuar con rigor e deixarlle á veciñanza un inventario á altura, mediante un proceso legal e técnico no cal se revisarán diferentes camiños e viais do noso termo municipal”, explicou.
Os traballos incluirán o estudo individualizado de cada solicitude, a revisión da documentación achegada polos interesados, a comprobación técnica da información cartográfica, catastral, histórica e administrativa dispoñible, así como a elaboración dun informe técnico específico para cada unha das 59 solicitudes, con proposta motivada de estimación, desestimación ou modificación, para a súa posterior valoración e ratificación polos servizos técnicos municipais.
Unha vez emitidas as resolucións correspondentes por parte do Concello, procederase á rectificación e actualización integral do Inventario de Camiños Municipais, incorporando as modificacións que resulten procedentes tanto na base de datos alfanumérica como na documentación gráfica e planimétrica do inventario.
Así mesmo, prepararase a documentación técnica necesaria para que a Secretaría municipal poida elevar o expediente ao Pleno do Concello, incluíndo a documentación consolidada do inventario, os planos actualizados, a relación de camiños afectados polas resolucións e os arquivos dixitais necesarios para a súa aprobación definitiva.
Tras a aprobación plenaria do documento, acometerase a actualización e instalación da aplicación informática de inventario en dependencias municipais, incorporando a versión definitiva aprobada, así como a actualización do visor web do Inventario de Camiños Municipais xa implementado na páxina web do Concello, garantindo a coherencia entre a documentación aprobada, a aplicación interna e a información pública dispoñible no visor web.