O CONCELLO COLABORA COA XVI FEIRA DO INDIANO DE SANTABALLA, QUE VOLVE POÑER EN VALOR A MEMORIA DA EMIGRACIÓN GALEGA

A alcaldesa, Marta Rouco, participou na inauguración das XVI Xornadas sobre Migracións Indianas, nunha xornada organizada pola Asociación Cultural Amigos da Liga Santaballesa que combina memoria, cultura e tradición

O Concello de Vilalba colaborou un ano máis coa celebración da XVI Feira do Indiano e das XVI Xornadas sobre Migracións Indianas, unha cita organizada pola Asociación Cultural Amigos da Liga Santaballesa, co patrocinio da Deputación de Lugo e o apoio do Concello de Vilalba e o Consello da Cultura Galega.

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, participou esta mañá na inauguración oficial da feira, á que tamén asistiron as concelleiras Paula Vigo, Mónica González e María Xosé Fernández. 

A xornada comezou coa celebración da IV Volta Ciclista á Terra Chá, antes da inauguración oficial das xornadas, que este ano volven dedicar unha especial atención á relación entre Galicia e Cuba e á pegada que a emigración deixou na sociedade galega.

Un dos primeiros actos da programación foi a mesa redonda ‘O Centro Galego: memoria e legado da galeguidade en Cuba’, a cargo de Arantxa Fernández Crespo, directora da Cátedra de Galego na Universidade da Habana, que permitiu afondar no papel desenvolvido pola emigración galega na conservación da identidade e na creación de redes de apoio e comunidade no exterior.

A programación da mañá continuou coa inauguración da exposición ‘Galicia Imaxinada’, do Consello da Cultura Galega, e dunha mostra de xornais antigos da Liga Santaballesa. A música de Branca Villares e Pablo Pintor, a chegada da Volta Ciclista e o vermú amenizado polo cuarteto cubano Orelvis y la próxima escala completaron as primeiras actividades da xornada.

MARTA ROUCO REIVINDICA O VALOR DE LEMBRAR A EMIGRACIÓN GALEGA

Durante a inauguración, a alcaldesa de Vilalba puxo en valor a continuidade dunha iniciativa que chega xa á súa décimo sexta edición e destacou o traballo da Asociación Cultural Amigos da Liga Santaballesa na recuperación e transmisión da memoria da emigración.

“Hoxe vimos falar da emigración galega, pero creo que hai algo que deberiamos facer antes de falar dela: lembrar que nós tamén fomos eles”, sinalou Rouco, lembrando que durante décadas moitos galegos e galegas tiveron que marchar para buscar oportunidades que aquí non atopaban.

A rexedora destacou que detrás da emigración “non había estatísticas, senón persoas, familias, veciños e veciñas” que levaron consigo “a lingua, os costumes, a música, as lembranzas e tamén esa maneira tan nosa de crear comunidade alá onde se chega”.

Rouco introduciu tamén unha reflexión sobre a realidade migratoria actual, sinalando que “coñecer a nosa propia historia debería axudarnos a mirar con máis humanidade as historias migratorias do presente”.

O CONCELLO DESTACA O PAPEL DAS ASOCIACIÓNS DAS PARROQUIAS

A alcaldesa aproveitou tamén a inauguración para recoñecer o traballo das asociacións culturais das parroquias de Vilalba, destacando a súa contribución á conservación da memoria e das tradicións.

“Unha tradición só permanece viva cando alguén se preocupa por transmitila”, afirmou Rouco, quen destacou que a cultura de Vilalba “non se fai só no centro da vila”, senón tamén nas parroquias e a través do traballo das entidades que manteñen activas as súas comunidades.

Neste sentido, o Concello de Vilalba reafirma o seu compromiso de acompañar e colaborar coas asociacións culturais das parroquias, apoiando iniciativas que contribúen a manter viva a identidade, a historia e o patrimonio cultural do municipio.

A XVI Feira do Indiano continúa esta tarde con desfile de traxes de época, xantar popular, xogos tradicionais, animación de rúa, baile cubano, foliada e queimada, ademais de diferentes propostas musicais, artesanía e postos de venda, prolongándose a programación ata a noite.