MARTA ROUCO LEVA A VOZ DE VILALBA Á OFRENDA DA VIRXE DOS REMEDIOS CUNHA CHAMADA A CONSTRUÍR UNHA SOCIEDADE “SEN PERDER POLO CAMIÑO OS NOSOS PRINCIPIOS”

– A alcaldesa reivindicou en Mondoñedo a responsabilidade das xeracións actuais co futuro, a defensa do rural, os coidados e unha resposta humana ante os conflitos e os movementos migratorios

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, foi este domingo a encargada de realizar a Ofrenda á Virxe dos Remedios en nome de Vilalba, nun dos actos máis simbólicos da celebración patronal de Mondoñedo. Acompañada por membros da corporación municipal, a Banda de Vilalba e a Coral Polifónica Vilalbesa, Rouco levou á ofrenda a voz da vila, das súas parroquias e da súa veciñanza.

A súa intervención partiu do propio significado da tradición e da responsabilidade que supón recibila das xeracións anteriores. “Que imos facer nós con aquilo que recibimos? E que mundo estamos construíndo para os que veñen detrás?”, formulou a alcaldesa, reivindicando unha Terra Chá con oportunidades, servizos e futuro, especialmente para a mocidade, e unha sociedade capaz de coidar ás persoas maiores.

Rouco quixo tamén trasladar a reflexión ao momento actual, marcado por guerras, conflitos e movementos migratorios. Fíxoo desde unha mirada humana, lembrando a propia historia migratoria de Galicia: “Detrás de cada persoa que emigra hai unha persoa, unha familia e a esperanza de construír unha vida mellor”.

Nesa mesma liña, pediu afrontar os problemas da sociedade sen renunciar aos valores que deben guiar as decisións colectivas: “Precisamos serenidade, intelixencia para conciliar seguridade e solidariedade e humanidade para ver persoas e non números”.

A alcaldesa pechou a súa intervención trasladando tamén unha reflexión sobre a responsabilidade de quen exerce a función pública: “Gobernar non é mandar. É servir”, unha idea coa que reivindicou a necesidade de tomar decisións con criterio, humildade e valentía, mesmo nos momentos máis difíciles.

A misa celebrada no Santuario dos Remedios estivo cantada pola Coral Polifónica Vilalbesa. Ao remate, a Banda de Música de Vilalba ofreceu o seu concerto, acompañando musicalmente unha xornada na que a vila foi protagonista dunha tradición que continúa pasando dunha xeración á seguinte.