– Marta Rouco participou na inauguración da xornada ‘APODERADAS: O rural tamén é noso’, organizada por FADEMUR Galicia, que reuniu arredor de 300 mulleres
Vilalba acolleu este sábado a xornada ‘APODERADAS: O rural tamén é noso’, organizada por FADEMUR Galicia coa colaboración do Concello de Vilalba e da Deputación de Lugo, que reuniu arredor de 300 mulleres para compartir experiencias e poñer en valor o seu papel no desenvolvemento socioeconómico do rural galego.
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, participou no acto de inauguración xunto á deputada da Área de Muller e Igualdade da Deputación de Lugo, Marisol Morandeira; a presidenta de FADEMUR España, Teresa López; o secretario xeral de Unións Agrarias-UPA, Roberto García, e a presidenta de FADEMUR Galicia, Verónica Marcos.
Na súa intervención, a alcaldesa, Marta Rouco, quixo achegar unha reflexión propia sobre o emprendemento feminino no rural e sobre a responsabilidade das administracións á hora de crear as condicións necesarias para que as mulleres poidan desenvolver os seus proxectos.
“As mulleres levan moito tempo demostrando que teñen iniciativa, capacidade e valentía. Non creo que o que necesitemos sexa pedirlles que fagan máis esforzos, senón conseguir que o territorio estea á altura dos proxectos que elas queren desenvolver”.
Neste sentido, Rouco sinalou que falar de emprendemento rural implica tamén falar de servizos, conciliación, vivenda, conectividade, mobilidade e oportunidades, e defendeu que vivir no rural non debe supoñer unha dificultade engadida para quen decide emprender ou construír nel o seu proxecto de vida.
“Non quero un rural no que unha muller poida quedar só se é capaz de superar unha carreira de obstáculos. Quero un rural no que quedar sexa unha opción real”.
A alcaldesa reivindicou tamén que as mulleres deben ser protagonistas á hora de decidir o futuro do territorio e destacou o valor dunha xornada que permite compartir experiencias de emprendemento moi diferentes.
O programa inclúe unha mesa redonda con mulleres vinculadas á investigación, ao sector primario, á hostalaría e ao emprendemento, así como unha conferencia e un coloquio aberto ás participantes.
Rouco agradeceu a FADEMUR Galicia a elección de Vilalba para celebrar esta xornada e puxo en valor o traballo das mulleres que cada día contribúen a manter vivo e activo o rural.
“As mulleres non son só parte da solución aos retos do rural. Son tamén parte das persoas que teñen que decidir que rural queremos construír”.
