O CONCELLO VISITA O NOVO PROXECTO DE AVILUGO, UNHA APOSTA POLA INNOVACIÓN E O CRECEMENTO EMPRESARIAL

–  A empresa do polígono de Sete Pontes vén de rematar as obras dun matadoiro especializado en aves ecolóxicas, cunha capacidade prevista de 500.000 aves ao ano.

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, acompañada polos concelleiros Luis Fernández e Ignacio Criado, visitou hoxe AviLugo, empresa asentada no polígono industrial de Sete Pontes que vén de finalizar as obras dun novo matadoiro especializado en aves ecolóxicas. 

A visita permitiu coñecer a evolución dunha iniciativa empresarial que aposta pola especialización e a integración do proceso produtivo, así como as súas perspectivas de crecemento e creación de emprego.

O proxecto conta cunha capacidade prevista de sacrificio de ata 500.000 aves ao ano e contempla a creación de dez novos postos de traballo. As instalacións inclúen unha planta baixa destinada á zona de matanza, un primeiro andarpara oficinas e sala de formación e unha zona anexa destinada á descarga e ao lavado de camións. A actividade estará centrada no sacrificio de polo ecolóxico, nunha aposta por produtos vinculados á calidade e á produción especializada.

A empresa, dirixida por Manuel Vidal Lozano, conta cun modelo que integra as distintas fases do ciclo de produción das aves ecolóxicas. Segundo a propia compañía, AviLugo é a única empresa a nivel estatal que controla e xestiona todo o ciclo produtivo neste ámbito.

Este novo investimento dá continuidade ao realizado en 2024, cando a compañía ampliou a súa nave de pensos coa instalación de cinco silos de 30 toneladas cada un, cunha capacidade total de almacenamento de 150 toneladas de produto terminado. A ampliación permitiu tamén abrir a posibilidade de aumentar a produción de pensos e comercializalos máis alá do autoconsumo.

Na actualidade, arredor de 40 persoas están vinculadas á actividade de AviLugo, incluíndo persoal das distintas naves, avicultores das 22 granxas e transportistas. Non todos desenvolven o seu traballo directamente en Vilalba.

ECONOMÍA E EMPREGO, PRIORIDADES DA ALCALDÍA

A visita enmárcase na liña de traballo da Alcaldía para manter unha relación próxima co tecido empresarial, coñecer os proxectos que se desenvolven no municipio e identificar oportunidades vinculadas á actividade económica e ao emprego. 

O obxectivo é acompañar o crecemento das empresas e favorecer un contexto no que poidan consolidar a súa actividade, innovar e xerar novas oportunidades laborais.

A alcaldesa, Marta Rouco, destaca que “Vilalba conta con empresas que están apostando pola innovación, pola especialización e por ampliar a súa actividade. Coñecer de primeira man os seus proxectos permítenos estar preto da realidade económica do municipio e entender tanto as oportunidades que xorden como os retos aos que se enfrontan”.

Rouco subliña que “desde a Alcaldía queremos traballar para fortalecer o tecido empresarial e favorecer a creación de emprego. O desenvolvemento económico constrúese tamén escoitando as empresas, coñecendo as súas necesidades e mantendo unha interlocución que axude a identificar oportunidades para Vilalba”.

A alcaldesa engade que “o compromiso municipal debe ser co conxunto das empresas, coas que levan anos asentadas no municipio e coas que impulsan novos proxectos ou deciden ampliar os que xa teñen en marcha. A innovación, a actividade económica e o emprego son fundamentais para o futuro de Vilalba”.

A visita a AviLugo forma parte deste achegamento ao tecido produtivo local, co propósito de coñecer iniciativas empresariais que contribúen a diversificar a economía e que presentan perspectivas de crecemento e creación de postos de traballo.