VILALBA RENDE UNHA EMOTIVA HOMENAXE A AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ CO DESCUBRIMENTO DA PLACA DA BIBLIOTECA MUNICIPAL QUE LEVA O SEU NOME

– Mariña Fernández, filla do escritor, foi a encargada de descubrir a placa nun acto celebrado en colaboración co IESCHA, que inaugurou tamén a iniciativa “Miradas sobre Agustín 2026-2027” e reivindicou o seu legado de cara ás Letras Galegas de 2028. 

A Biblioteca Municipal de Vilalba viviu este venres unha tarde chea de emoción e sentimento co descubrimento da placa que oficializa o nome de Agustín Fernández Paz. 

Mariña Fernández, filla do escritor vilalbés, foi a encargada de descubrir a placa nun momento especialmente emotivo, que reuniu representantes municipais, persoas vencelladas á cultura e veciñanza arredor da memoria e do legado dun dos autores máis importantes da literatura galega.

A alcaldesa, Marta Rouco, e outros representantes da corporación municipal acompañaron a familia de Agustín e o Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) neste acto, que supón un recoñecemento público á figura do escritor e á súa vinculación con Vilalba. 

A alcaldesa destacou o significado deste momento para o municipio, “foi unha tarde chea de sentimento, na que sentimos moi de preto o que Agustín significa para Vilalba. É unha honra que a biblioteca municipal leve o seu nome e que este recoñecemento contribúa a manter viva a súa memoria e a achegar a súa obra ás novas xeracións”.

A homenaxe esténdese tamén á nova aula Agustín Fernández Paz, habilitada desde o pasado mes de maio no primeiro andar da biblioteca, nun espazo renovado que inclúe a sala de estudos. A aula terá carácter expositivo e divulgativo e permitirá dar a coñecer parte dos fondos persoais que a familia do escritor doou ao Concello, unha vez completado o proceso de catalogación necesario para a súa exposición e posta en valor.

“MIRADAS SOBRE AGUSTÍN”, UNHA VIAXE POLA SÚA VIDA E O SEU LEGADO

O descubrimento da placa deu paso ao acto inaugural da iniciativa “Miradas sobre Agustín 2026-2027”, promovida polo IESCHA para divulgar as distintas facetas do escritor e impulsar a súa candidatura ás Letras Galegas de 2028.

A programación incluíu a presentación da iniciativa por parte da presidenta do IESCHA, Marisa Barreiro, e a lectura, a cargo de Paco Martín, dun manifesto a favor da figura de Agustín Fernández Paz e do recoñecemento da súa traxectoria coas Letras Galegas de 2028.

Un dos momentos destacados foi a intervención de Isabel Soto, que repasou cronoloxicamente a traxectoria vital e literaria de Agustín Fernández Paz, afondando na súa vinculación coa identidade galega, coa sociedade do seu tempo e co compromiso coa lingua e coa terra de nacenza. A charla permitiu reconstruír diferentes etapas da súa vida e comprender o contexto no que desenvolveu unha obra que deixou unha fonda pegada na literatura e na educación.

A alcaldesa agradeceu ao IESCHA o seu traballo continuado para divulgar o legado do escritor e apoiar a súa candidatura, “Agustín forma parte da nosa historia e da nosa identidade. Iniciativas coma esta permítennos coñecer mellor a súa obra e o seu compromiso, e axúdannos a que siga presente na vida de Vilalba”.

O Concello reafirma así a súa colaboración co IESCHA para seguir promovendo actividades que dean a coñecer a figura de Agustín Fernández Paz e contribúan a que a súa obra continúe viva, sexa lida e chegue ás novas xeracións.