A PROGRAMACIÓN INFANTIL DE SAMAÍN ENCHEU A PRAZA DA CONSTITUCIÓN DE FAMILIAS, XOGOS E AMBIENTE FESTIVO

–  Decenas de nenos e nenas participaron este domingo nunha tarde de obradoiros, camas elásticas, música e baile, que rematou coa entrega de premios do concurso de cabazas.

A Praza da Constitución de Vilalba converteuse onte, domingo 1 de novembro, nun punto de encontro para decenas de familias que se achegaron a desfrutar da programación infantil organizada pola Alcaldía e a Concellería de Infancia e Xuventude con motivo do Samaín.

A proposta combinou actividades para diferentes idades, con camas elásticas, obradoiros de decoración de galletas e creación de diademas terroríficas, maquillaxe e feridas, así como o reparto de castañas. A música e o baile tamén tiveron o seu protagonismo co espectáculo de animación infantil “Cantabaila”, que animou a praza e fixo participar os máis pequenos e pequenas.

Un dos momentos máis agardados foi o concurso de cabazas, que volveu destacar pola creatividade e orixinalidade das propostas presentadas. A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e a concelleira Paula Vigo participaron na entrega de premios ás persoas gañadoras das dúas categorías.

Na categoría infantil, o primeiro premio foi para Carla Parga, o segundo para María Díaz e o terceiro para Alba Blanco. Na categoría familiar, o primeiro premio recaeu na familia Canto Folgueira, o segundo en Aliani e o terceiro en Noelia Montes.

Desde o Concello quérese agradecer a participación de todas as persoas que presentaron as súas cabazas, así como o traballo e a implicación das familias que contribuíron a encher o concurso de propostas creativas e elaboracións moi orixinais.

A xornada desenvolveuse cun ambiente moi participativo durante toda a tarde, coa praza chea de familias que compartiron xogos, actividades e momentos de lecer. O Concello destaca a boa acollida desta programación, pensada para ofrecer alternativas de ocio infantil e crear espazos de encontro nos que as familias poidan desfrutar xuntas.

Con esta celebración, Vilalba pechou unha nova edición da súa programación infantil de Samaín, que tamén incluíu dúas sesións de contacontos cunha gran acollida de Sole Felloza na Biblioteca Municipal Agustín Fernández Paz, celebradas o xoves 29 de outubro.