O GOBERNO LOCAL LEVA A PLENO UN CRÉDITO EXTRAORDINARIO DE 545.871 EUROS PARA IMPULSAR NOVAS OBRAS E MELLORAS NOS SERVIZOS MUNICIPAIS

–  A proposta inclúe melloras na rúa Plácido Peña, con máis de 134.000 euros, e actuacións en instalacións deportivas, educativas e redes de saneamento. A sesión tamén abordará o proxecto de obra modificado para a rexeneración do acceso a Ver, en Goiriz.

O Concello de Vilalba celebrará mañá, martes 3 de novembro, ás 9:00 horas, un pleno extraordinario no salón de sesións da Casa do Concello, no que se someterá a aprobación un expediente de crédito extraordinario por importe de 545.871,46 euros, financiado con cargo ao remanente líquido de tesourería para gastos xerais.

A modificación permitirá dotar economicamente distintas actuacións de mellora das infraestruturas municipais, renovación de servizos, mantemento de instalacións e dinamización cultural e social, con especial atención ás necesidades da vila e das parroquias.

A actuación de maior importe será a mellora da rúa Plácido Peña, que contará cun investimento superior aos 134.000 euros. O proxecto contempla a substitución de 20 farois por novos báculos de sete metros con tecnoloxía LED e a renovación da rúa no cruce coas rúas Cidade de Viveiro e As Pontes.

Na intersección coa rúa Cidade de Viveiro, a intervención permitirá poñer en valor o cruceiro existente mediante a instalación dun muro de granito que funcionará tamén como banco e elemento de protección do patrimonio. O espazo completarase cunha pequena zona axardinada con vexetación autóctona de baixo porte e cun reforzo da iluminación do monumento.

Pola súa banda, na intersección coa rúa As Pontes habilitarase outra zona axardinada protexida fronte ao tráfico, que funcionará tamén como bancada e espazo de descanso. En ambos os puntos está prevista a creación de novas zonas de beirarrúa en formigón lavado.

A alcaldesa, Marta Rouco, destaca que “este crédito extraordinario permítenos transformar recursos municipais en actuacións concretas que responden a necesidades reais. Falamos de mellorar rúas, renovar instalacións e servizos básicos e seguir coidando tanto o espazo urbano como as parroquias”.

INVESTIMENTOS EN SERVIZOS, INSTALACIÓNS E PARROQUIAS

Entre as actuacións que se financiarán con cargo a este crédito extraordinario figuran tamén a renovación e mellora do sistema de auga quente sanitaria da piscina climatizada, cunha dotación de 50.152 euros, necesaria para garantir o correcto funcionamento do servizo e mellorar a súa eficiencia enerxética.

O Punto de Atención á Infancia contará cunha instalación de climatización e aire acondicionado, cun investimento de 33.230 euros, mentres que no campo de fútbol de herba artificial da Madalena se renovará o sistema de iluminación por tecnoloxía LED, cun importe de 21.469 euros.

Tamén se inclúe a renovación e substitución da rede de saneamento da rúa Pita de Veiga, cunha dotación de 13.103 euros, unha intervención necesaria por razóns de salubridade pública e protección ambiental.

O crédito contempla ademais 11.000 euros para o desenvolvemento de actividades socioculturais e de dinamización nas distintas parroquias, así como recursos para outras actuacións municipais: acondicionamento de parcelas destinadas a aparcadoiros públicos, bacheo de accesos en Corbelle, Martiñán e Oleiros e melloras de mantemento en edificios municipais como a Casa da Cultura e o Auditorio.

Inclúense tamén partidas para programación cultural e turística, material e iniciativas das distintas concellerías e servizos necesarios para o funcionamento ordinario do Concello, como licenzas de software, correo electrónico e servidor municipal ou o servizo Liña Verde.

“Queremos que os investimentos municipais teñan un reflexo directo na vida diaria dos veciños e veciñas. Iso significa actuar nas rúas, pero tamén nas instalacións que utilizan as familias, nos equipamentos deportivos, no saneamento e nos servizos que permiten que o Concello funcione cada día”, engadiu a alcaldesa.

MELLORA DO ACCESO A VER, EN GOIRIZ

Outro dos asuntos destacados da sesión será a aprobación do proxecto actualizado das obras de rexeneración do acceso ao núcleo de Ver, na parroquia de Goiriz, desde a estrada N-634, cun orzamento de 36.800 euros, financiado a través dun convenio entre a Alcaldía e a Deputación de Lugo.

O proxecto xa fora aprobado e sacado a licitación, pero o procedemento quedou deserto. Esta circunstancia fixo necesario actualizar o documento e os importes económicos, e tramitar a modificación coa Deputación.

Unha vez completado este paso, o Concello prevé sacar a obra a licitación coa maior celeridade posible, co obxectivo de que os traballos poidan executarse á maior brevidade.

Marta Rouco sinala que “non queremos que esta actuación quede parada porque unha primeira licitación quedase deserta. Actualizamos o proxecto e os importes para poder volver licitalo e avanzar na mellora deste acceso, que é importante para a veciñanza de Goiriz”.

OUTROS ASUNTOS DA ORDE DO DÍA

A sesión extraordinaria incluirá tamén o sorteo público para a designación das persoas integrantes das mesas electorais con motivo das eleccións xerais previstas para o 29 de novembro.

Ademais, darase conta das renuncias dos concelleiros do BNG Constantino Alvite e Mónica García e solicitarase á Xunta Electoral Central a credencial de Alfonso Baamonde.

A orde do día complétase coa modificación do anexo de subvencións nominativas das bases de execución do orzamento, por cuestións de corrección administrativa, así como coa tramitación de dous expedientes de modificación de créditos, un mediante suplemento de crédito e outro de recoñecemento extraxudicial de créditos.