A Praza de Santa María acollerá esta segunda edición, que contará con postos de produtos de Nadal, artesanía e agasallo. As persoas interesadas en participar poden presentar a súa solicitude ata o 22 de novembro.
O Concello de Vilalba abre o prazo de inscrición para participar no II Mercado de Nadal, que terá lugar os días 28 e 29 de novembro na Praza de Santa María, en horario de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas.
Esta iniciativa busca dinamizar a actividade do municipio e ofrecer á veciñanza e ás persoas visitantes un espazo de encontro arredor das compras de Nadal. O mercado reunirá diferentes postos destinados á venda de produtos propios destas datas, artigos artesanais e propostas para agasallar.
A convocatoria está dirixida a profesionais que desenvolvan unha actividade económica relacionada coa temática do mercado. As persoas participantes poderán inscribirse individualmente ou de maneira conxunta, cun máximo de dous participantes por posto. A organización facilitará unha caseta de venda a cada participante seleccionado.
A concelleira de Feiras e Mercados, Paula Vigo, anima aos profesionais e produtores interesados a presentar a súa candidatura e formar parte desta segunda edición, “queremos que o Mercado de Nadal medre e conte cunha oferta variada e atractiva, que dea visibilidade ao traballo dos nosos artesáns e comerciantes e que contribúa a crear ambiente e actividade na Praza de Santa María”.
Pola súa banda, a alcaldesa, Marta Rouco, destaca a importancia de impulsar iniciativas que favorezan a actividade económica local, “desde o Concello seguimos traballando para dinamizar Vilalba, apoiar ás persoas que emprenden e ofrecen os seus produtos e crear oportunidades para que a veciñanza desfrute da nosa vila e merque no comercio de proximidade tamén durante o Nadal”.
As persoas interesadas deberán presentar o modelo normalizado de solicitude (Anexo I), xunto coa documentación requirida, no Rexistro Xeral do Concello de Vilalba ou a través do correo electrónico feiras@vilalba.es. O prazo permanecerá aberto ata o 22 de novembro de 2026.
As bases completas, así como a información sobre os requisitos de participación e a documentación que se debe achegar, están dispoñibles na páxina web municipal, www.vilalba.gal.