A BIBLIOTECA MUNICIPAL AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ DE VILALBA RECOLLE O PREMIO BIBLIOTECAS QUE INSPIRAN 2026 POLO PROXECTO "LEGADO COMPARTIDO"

–  O galardón entregouse no marco da II Xornada Internacional de Bibliotecas Públicas de Galicia – Norte de Portugal “Ciencia para pensar no futuro”.

A Biblioteca Municipal Agustín Fernández Paz de Vilalba recolleu o premio do Certame Bibliotecas que Inspiran 2026, un recoñecemento á innovación, ao fomento da lectura e ás boas prácticas nas bibliotecas públicas, dotado con 3.000 euros.

A entrega tivo lugar na Cidade da Cultura de Santiago, no marco da II Xornada Internacional de Bibliotecas Públicas de Galicia – Norte de Portugal “Ciencia para pensar no futuro”.

Ao acto asistiron a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco; a concelleira de Educación, Paula Vigo; e a bibliotecaria Atenea Ruibal, que recolleron o galardón polo proxecto “Legado compartido”.

A proposta presentada relata o proceso de organización, desenvolvemento e resultados da actividade “Polavila Xabier P. Docampo”, unha homenaxe pública e itinerante ao mestre e escritor Xabier P. Docampo, organizada pola iniciativa Polavila Docampo en colaboración coa Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega.

Este ano, a actividade celebrouse en Vilalba coa colaboración do Instituto de Estudos Chairegos e do Concello, así como coa participación dunha ampla rede de entidades e asociacións da contorna. Entre elas, o IES Basanta Silva, os centros de día de Abadín e Cospeito, os centros educativos de Vilalba e a Escola Municipal de Teatro.

A través desta iniciativa, preto de 250 persoas pasaron pola Biblioteca Municipal, converténdoa nun espazo de encontro, participación e homenaxe á figura e ao legado de Xabier P. Docampo.

A alcaldesa, Marta Rouco, destacou que este premio recoñece “unha forma de entender a biblioteca que vai moito máis alá do préstamo de libros: un espazo aberto á comunidade, capaz de crear encontros, impulsar actividades e achegar a cultura a persoas de todas as idades”.

A rexedora agradeceu tamén o traballo e a implicación de Atenea Ruibal durante os anos á fronte da biblioteca, así como a colaboración de todas as entidades que fixeron posible o proxecto.

Pola súa banda, a concelleira de Educación, Paula Vigo, puxo en valor a capacidade da iniciativa para implicar diferentes xeracións e colectivos, así como a importancia da colaboración entre entidades para facer chegar a lectura e a cultura a toda a veciñanza.

Este recoñecemento súmase ao segundo Premio María Moliner conseguido pola biblioteca polo seu labor de promoción da lectura. Dous galardóns que supoñen tamén un impulso para seguir mellorando os fondos, as propostas e as actividades da Biblioteca Municipal Agustín Fernández Paz.

A evolución dos préstamos reflicte tamén o dinamismo deste espazo: dos arredor de 15.000 rexistrados en 2024 pasouse a máis de 20.000 en 2025, unha tendencia positiva que continúa en 2026. O Concello reafirma así o seu compromiso de seguir coidando, renovando e impulsando a biblioteca como un servizo público vivo, accesible e aberto a toda a comunidade.