– A programación, que se ofreceu a todas as asociacións de veciños do rural, desenvolverase naquelas parroquias que decidiron sumarse ao contar coa demanda suficiente. As catro modalidades son gratuítas e non requiren inscrición previa.
O Concello de Vilalba porá en marcha a vindeira semana unha nova edición das actividades de dinamización rural, unha iniciativa que este ano chegará a 22 parroquias do municipio.
A programación foi presentada a todas as asociacións de veciños das parroquias do rural vilalbés, co obxectivo de coñecer o seu interese e a demanda existente. Finalmente, as actividades desenvolveranse naquelas que decidiron sumarse á proposta e que contan cun número suficiente de persoas interesadas para poñelas en marcha.
A oferta inclúe catro modalidades: ximnasia de mantemento, pilates, actividades de memoria e manualidades. As sesións terán lugar nos locais sociais das parroquias participantes, de acordo cos días e horarios establecidos para cada actividade.
Unha das principais características do programa é que todas as actividades son totalmente gratuítas e non requiren inscrición previa. As persoas interesadas só teñen que acudir ao local social da parroquia o día e á hora correspondentes, sen necesidade de realizar ningún trámite.
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, destacou a importancia de achegar este tipo de propostas ao rural, “queremos que os veciños e veciñas das parroquias teñan ao seu alcance actividades que contribúan ao seu benestar e que lles permitan manterse activos, aprender e compartir tempo con outras persoas. Por iso, antes de organizar o programa, contactamos con todas as asociacións para coñecer as necesidades e o interese de cada lugar”.
Pola súa banda, a concelleira Paula Vigo puxo en valor a variedade da programación e a participación veciñal, “nesta edición contamos con 22 parroquias e catro modalidades diferentes, que permiten traballar tanto a actividade física como a memoria e a creatividade. É importante que sexan propostas adaptadas á demanda de cada parroquia e, ademais, gratuítas e abertas a todas as persoas interesadas, sen necesidade de inscrición previa”.
Desde o Concello anímase á veciñanza das parroquias participantes a consultar a programación completa, cos días, horarios e actividades correspondentes a cada localidade, e a sumarse a estas propostas que buscan favorecer o benestar, a convivencia e a vida comunitaria no rural vilalbés.