– A sesión ordinaria deste xoves incluirá a proposta de recoñecemento á traxectoria do académico vilalbés e a aprobación de actuacións por valor de máis de 500.000 euros en espazos públicos, accesibilidade e iluminación.
O goberno local de Vilalba levará ao pleno ordinario deste xoves a proposta da Alcaldía para o nomeamento de Francisco Darío Villanueva Prieto como Fillo Predilecto do municipio.
“Darío Villanueva é un vilalbés que levou o nome da nosa vila moi lonxe e que sempre mantivo un vínculo especial coa súa terra. A súa brillante traxectoria académica e cultural, unida ao orgullo co que representa as súas orixes, fan del unha persoa merecedora deste recoñecemento”, salientou a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco.
Vilalbés de nacemento e orgulloso das súas orixes, Villanueva mantén o seu vínculo coa vila, entre outras cuestións, a través da súa participación no xurado do Certame Literario de Vilalba. A súa traxectoria inclúe a reitoría da Universidade de Santiago de Compostela e a presidencia da Real Academia Española, ademais dunha destacada carreira académica, intelectual e cultural.
A orde do día inclúe tamén catro proxectos da concellería de Infraestruturas Urbanas que suporán máis de 500.000 euros de investimento. Un deles é a creación de dúas glorietas: unha no cruce da rúa Campo de Puente coas rúas Castelao, Lois Peña Novo e Muras, fronte ao Mega Gadis, e outra na Avenida Terra Chá, entre a rúa da Feira e a Avenida de Cospeito.
A actuación, cun orzamento próximo aos 333.000 euros e financiada integramente pola Deputación de Lugo, busca mellorar a fluidez do tráfico e a seguridade viaria, así como os pasos peonís, as zonas verdes e a organización do estacionamento. Na rúa Campo de Puente, habilitarase ademaisun espazo de descanso e benvida para as persoas peregrinas.
Outro dos proxectos céntrase na rúa Plácido Peña, cun investimento aproximado de 129.000 euros procedentes do remanente municipal. Renovaranse 20 puntos de luz con tecnoloxía LED e melloraranse os cruces coas rúas Cidade de Viveiro e As Pontes, coa protección do cruceiro e a creación de zonas verdes e espazos de descanso.
Esta intervención súmase á renovación da rede de saneamento que xa está en marcha nesta rúa, cun investimento próximo aos 850.000 euros, financiado a través dun convenio coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil.
O terceiro proxecto “busca mellorar a accesibilidade ao centro de saúde mediante a renovación das beirarrúas desde a rúa Benxamín Paz ata o acceso ao centro e a substitución da iluminación nese tramo”, explicou o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Luis Fernández. Dita actuación conta cun orzamento aproximado de 50.000 euros e financiarase con fondos europeos a través do GDR Terra Chá.
Por último, a concellería de Infraestruturas Urbanas presentará no pleno o proxecto dunha nova senda peonil no tramo final da rúa Campo da Puente ata a entrada do polígono industrial. Trátase dun percorrido moi utilizado por peóns e persoas que saen camiñar, ademais dunha das vías de acceso á vila.
O obxectivo é mellorar a seguridade das persoas usuarias e a imaxe desta entrada a Vilalba. Unha vez presentado o proxecto, o Concello buscará financiamento doutras administracións para poder executalo.
A alcaldesa destaca que estas actuacións responden a necesidades concretas da veciñanza e forman parte do compromiso municipal coa mellora dos espazos públicos. “Non se trata só de renovar infraestruturas, senón de facer unha Vilalba máis accesible, segura e cómoda para vivir”, sinala.
A sesión abordará tamén a Conta Xeral de 2025, un trámite ordinario que chega ao pleno despois de ser aprobada pola Comisión Especial de Contas e de completar o período de exposición pública.
O pleno comezará ás 18:00 horas no salón de plenos da Casa do Concello, será aberto ao público e poderá seguirse en directo a través da canle municipal de YouTube.