– O Concello organiza un calendario que combina música, teatro, mercado, actividades infantís, propostas nas parroquias, deporte e celebracións tradicionais para vivir estas datas en todo o municipio.
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e a concelleira de Infancia e Xuventude, Paula Vigo, presentaron hoxe en rolda de prensa a programación municipal de Nadal, unha proposta que reúne actividades para todos os públicos e que se desenvolverá desde esta fin de semana ata a chegada dos Reis Magos.
“O obxectivo é ofrecer alternativas de lecer e desfrute durante estas datas, con propostas pensadas para diferentes idades e intereses, ao tempo que se estende a actividade por distintos espazos da vila e das parroquias do rural”, salientou a alcaldesa, Marta Rouco.
A programación combina citas xa consolidadas con novas oportunidades para compartir o Nadal en familia, participar na vida social do municipio e manter vivas as tradicións destas festas.
A programación arrinca esta fin de semana co II Mercado de Nadal, que abrirá as súas portas o sábado 28 e o domingo 29 de novembro na Praza de Santa María. Contará con 18 postos de artesanía, alimentación, produtos personalizados e propostas de agasallos, en horario de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas.
O sábado 28 será tamén a xornada do acendido das luces de Nadal na Praza da Constitución. A partir das 18:30 horas haberá pintacaras con pintura fluorescente e glitter, e ás 19:00 chegará o concerto de Broken Peach. Ao remate da actuación, o vilalbés Diego Villares, capitán do RC Deportivo da Coruña, será o encargado de realizar o acendido oficial.
A música, o teatro e os espectáculos terán un papel destacado ao longo de todo o programa. O Auditorio Municipal acollerá tres propostas dirixidas ao público familiar: o 5 de decembro, ás 17:30 horas, O Nadal coa avoa Fina, de A Gramola Gominola; o 13 de decembro, ás 18:30 horas, Dedín, dedín, dedal, de Malasombra Producións; e o 19 de decembro, ás 17:30 horas, o espectáculo Voo, de Teatro O Cubo. As entradas para estes espectáculos estarán dispoñibles en www.entradasvilalba.es.
A programación tamén reserva espazo para o baile e o encontro social no Centro Cultural, con tres tardes durante as festas: o 6 de decembro, co Dúo Estrellas; o 20 de decembro, con Tony Meijide; e o 3 de xaneiro, co Dúo Matices. Estas citas amplían a oferta de lecer máis alá do público infantil e responden á boa acollida e á demanda das persoas asistentes aos domingos de baile, unha actividade que se reforza durante estas datas.
O Nadal chegará tamén ás parroquias a través de diferentes iniciativas. Entre o 1 e o 9 de decembro desenvolveranse obradoiros de decoración de Nadal con materiais reciclados nas antigas casas escola de Corbelle, Carballido, Román, Distriz e Mourence, sempre de 17:00 a 20:00 horas.
“Trátase dunha proposta que se repite pola boa acollida dos últimos anos e que vai rotando polas parroquias para que todas teñan a oportunidade de acollelos”, explicou a concelleira de Infancia e Xuventude, Paula Vigo.
Ademais de elaborar decoración para estas festas, os obradoiros buscan dinamizar os locais sociais e promover a reciclaxe e a reutilización de materiais. Son gratuítos, non precisan inscrición previa e están abertos a todas as persoas, independentemente da parroquia na que residan.
A programación nas parroquias completarase con dúas festas infantís con inchables: o 28 de decembro no CEIP Terra Chá de Román e o 30 de decembro no CEIP Monseivane de Lanzós, ambas en horario de 17:00 a 20:00 horas.
Os nenos e nenas serán tamén protagonistas doutras citas tradicionais, como a entrega de premios do concurso de postais de Nadal, prevista para o 11 de decembro ás 18:30 horas na Casa do Concello.
O certame desenvólvese nos centros educativos do municipio e contempla tres categorías: infantil, primeiro a terceiro de primaria e cuarto a sexto de primaria. Entre as propostas gañadoras seleccionarase a postal coa que a alcaldesa felicitará o Nadal a todos os fogares de Vilalba.
O 24 de decembro, Papá Noel visitará a Praza da Constitución entre as 16:00 e as 19:30 horas, cunha tarde de actividades para os máis pequenos. Xa o 5 de xaneiro, os Reis Magos percorrerán as parroquias do rural e, pola tarde, protagonizarán a tradicional cabalgata, que sairá do Campo da Feira ás 18:15 horas.
O calendario inclúe tamén propostas deportivas e celebracións colectivas. O 27 de decembro celebrarase a XI Carreira San Silvestre, que comezará ás 16:00 horas desde a Praza da Constitución. O 31 de decembro, ás 12:00 horas, terá lugar o tradicional prefin de ano e prebadaladas, unha convocatoria que se mantén nos últimos anos e que cada vez reúne máis participantes.
Esa mesma noite, a Praza da Constitución será o escenario da festa de fin de ano para recibir o 2027. Xa o 2 de xaneiro, a piscina municipal acollerá entre as 17:00 e as 20:30 horas o 100×100 benéfico, unha competición por relevos organizada en colaboración co Club de Triatlón de Vilalba.
Outra das grandes citas do Nadal será a Feira do Capón de Vilalba, que se celebrará o 21 de decembro na Praza da Constitución. A programación específica presentarase nos vindeiros días.
Desde a Alcaldía e a Concellería de Feiras e Mercados estase a traballar nunha proposta con novidades e actividades que contribúan a poñer en valor esta celebración e a avanzar no obxectivo de conseguir a súa declaración como Festa de Interese Turístico de Galicia.
Desde o Concello sinalan que esta presentación ofrece unha visión xeral da programación para que a veciñanza poida coñecer as principais citas e reservar as datas. Os detalles dalgunhas actividades, como a Feira do Capón, as festas de prefin e fin de ano, as propostas deportivas ou os horarios da visita dos Reis Magos ás parroquias, concretaranse nas vindeiras semanas.
Parte da programación conta coa colaboración e o patrocinio do Grupo Entrepinares.
