A LICITACIÓN AS OBRAS DE RENOVACIÓN DA ESTRADA MUNICIPAL 065_001, NO TRAMO QUE COMUNICA O COLEXIO DE ROMÁN CO VIAL LU-P-6504

"A execución desta obra rematará a mellora dunha das principais vías de titularidade municipal do Concello de Vilalba”, explica o concelleiro de Infraestruturas, Luis Fernández.

O Concello de Vilalba sacou a licitación esta semana as obras de rexeneración e sinalización da vía de titularidade municipal 065_001, no tramo que comunica o colexio de Román coa estrada provincial LU-P-6504, situada entre as parroquias de Román e Árbol. Os traballos contan cun orzamento de 122.000 euros.

A estrada municipal obxecto da actuación parte dende o núcleo urbán de Vilalba e discorre en dirección Oeste-Este, atravesando as parroquias de Sancovade, Goiriz, Román e Árbol ata rematar na vía de titularidade provincial LU-P-6504.

O seu trazado completo supera os 11 quilómetros de lonxitude, enlazando diversos núcleos de poboación das parroquias polas que discorre e facilitando a circulación dos veciños en dirección a Vilalba, o que a converte nunha das principais estradas locais de todo o municipio.

A superficie de rodadura do vial atópase pavimentada con firme aglomerado dende o punto de comezo, no núcleo urbán de Vilalba, ata o entronque coa vía 065_005, en Seivane, xunto á zona de acceso ó CEIP Terra Chá, na parroquia de Román. É unha pavimentación recente, polo bo estado do firme de rodadura en toda a superficie deste tramo.

Dende ese punto e ata o entronque coa vía provincial LU-P-6504 a pavimentación actual mostra sinais evidentes de desgaste. Este deterioro é debido ó paso do tempo, ás condicións meteorológicas da zona e ó intenso uso ó que se ve sometido pola gran densidade de tráfico lixeiro e pesado que soporta.

Para a mellora e mantemento deste tramo proponse con esta nova licitación a limpeza de noiros, regularización da superficie e a execución dunha nova capa de firme de rodadura a base de aglomerado en quente de cinco centímetros de espesor. Tamén se deberá proceder á súa sinalización horizontal e vertical.

“A execución desta obra rematará a mellora dunha das principais vías de titularidade municipal de todo o Concello de Vilalba”, explica o concelleiro de Infraestruturas, Luis Fernández.

15 de Xullo de 2021

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies