A POLICÍA LOCAL E A GARDA CIVIL DE VILALBA RECIBEN FORMACIÓN EN IGUALDADE, VIOLENCIA DE XÉNERO E DELITOS DE ODIO

O goberno local aplica un dos compromisos do III Plan de Igualdade entre mulleres e homes, prestando especial atención ao tratamento integral das vítimas de violencia de xénero e a especialización en delitos de odio, especialmente fronte á LGTBIfobia

Os corpos de seguridade da Policía Local e a Garda Civil de Vilalba veñen de recibir unhas sesións formativas sobre igualdade, violencia de xénero e tratamento dos delitos de odio. A intención desta iniciativa que parte do Centro de Información á Muller e da Concellería de Igualdade é dar cumprimento dun dos puntos recollidos no III Plan de Igualdade, mellorando a formación das forzas e corpos de seguridade como axentes que interveñen no proceso da violencia de xénero.

Un dos principais obxectivos desta iniciativa foi aportar ferramentas para implementar melloras e incorporar a perspectiva de xénero, así como apoiar a formación do persoal de seguridade na detección e identificación dos delitos de odio. Outro dos eixos fundamentais foi asesorar aos policías e gardas na correcta atención ás vítimas das violencias machistas, tanto no primeiro momento de denuncia como nos casos de seguimento.

Os contidos a tratar articuláronse sobre tres eixos. No que atinxe á igualdade de xénero, traballaron sobre o concepto e a evolución histórica do mesmo, centrándose na normativa e papel dos corpos e forzas de seguridade. A violencia de xénero ocupou gran parte das xornadas, analizando a normativa e recursos e ampliando a mirada sobre todas as violencias machistas que sofren as mulleres. Tamén se trataron os delitos de odio, aproximándose aos delitos por racismo, xenofobia e o odio á diferencia, prestando especial atención ao caso específico da LGTBI fobia, trazando algúns protocolos de actuación.

As xornadas tiveron lugar en días distintos, cun total de 8 horas para esta primeira iniciativa. Debido á satisfacción do persoal, o goberno local daralle carácter de continuidade para seguir ofrecendo xornadas de formación neste eido e avanzar cara o cumprimento do III Plan de Igualdade entre mulleres e homes, no que ten especial relevancia o tratamento da violencia de xénero e a necesaria especialización dos distintos axentes que interveñen neste proceso.

10 de Xuño de 2021

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies