Elba Veleiro: “A prioridade do día 21 é celebrar a Feira do Capón, polo que pedimos responsabilidade ante a concentración convocada”

A alcaldesa de Vilalba sae ao paso da convocatoria da Asociación de Empresarios Sete Pontes en contra da unidireccionalidade da rúa da Pravia, que fan coincidir cunha Feira do Capón que volve en formato presencial despois de dous anos

Desde o Concello presentáronse alegacións ante a Subdelegación para solicitar máis seguridade por mor da situación sanitaria e a celebración da feira, pedindo que a concentración se circunscriba ao espazo solicitado na parte inferior da Praza da Constitución

“Respectamos absolutamente o dereito de todos os cidadáns a manifestarse, pero pedimos responsabilidade e deferencia de cara aos criadores e á organización dunha cita que sitúa Vilalba como punto de referencia da gastronomía nestas datas de Nadal”

Vilalba, 18 de decembro de 2021

A alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, afirma que a prioridade do goberno municipal é que a Feira do Capón se celebre con normalidade e de xeito satisfactorio para criadores, vilalbeses e visitantes despois da cancelación da última edición por mor da pandemia.

A recuperación da presencialidade nunha cita tan importante para Vilalba vén condicionada pola convocatoria dunha concentración promovida pola Asociación de Empresarios Sete Pontes para ese mesmo día, con motivo da defensa da dobre dirección na rúa da Pravia.

Veleiro vén de confirmar que “presentamos un escrito de alegacións ante a Subdelegación para que se garanta ese día a seguridade de todas as persoas, pedindo que esta concentración se circunscriba á zona solicitada pola asociación, na parte inferior da praza da Constitución”. Nese senso, a rexedora subliñou que “poremos e pediremos todos os medios para que a xornada transcorra con normalidade polo ben de todos, aínda que amosamos a nosa discrepancia co momento elixido”.

Desde o goberno local fan referencia á situación sanitaria, que esixe “un esforzo importante” para organizar este tipo de eventos, mais especialmente aluden á relevancia que ten para o pobo esta cita tan importante a nivel gastronómico, cultural e mesmo turístico, coa asistencia de veciñanza e persoas de fóra da localidade “que se achegan á feira polos capóns, mercan no comercio de Vilalba e consumen na nosa hostalería”.

Porén, a alcaldesa manifestou “o respecto absoluto ao dereito dos cidadáns a manifestarse, pois cada un de nós así o facemos coas causas que consideramos” pero explicou que “nesta ocasión, cremos que a decisión non vai en contra do goberno, senón que afecta á cidadanía en xeral”.

“Nós si temos claro que o nome de Vilalba, o de todos e cada un de nós, representado ese día por unha das citas emblema da nosa localidade como a Feira do Capón, momento no que criadoras e criadores expoñen os seus produtos despois de todo o traballo dun ano, e que conta coas complicacións organizativas engadidas da situación sanitaria, está por riba de todo o demais”.

Concluíu pedindo responsabilidade e agardando unha Feira do Capón 2021 que “nos devolva unha xornada única en Vilalba despois de dous anos da súa derradeira celebración”.

18 de Decembro de 2021

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies