O CONCELLO DE VILALBA ORGANIZA O II CONCURSO ‘PINTA E CREA A TÚA CABAZA DE SAMAÍN’

O concurso diríxese a todos os públicos, agrupando aos participantes en tres categorías.

Tras o éxito da primeira edición, o Concello de Vilalba presenta o II Concurso de Samaín ‘Pinta e crea a túa cabaza de Samaín’, destinado a dinamizar esta festividade a través da creación artística e da diversión.

O concurso diríxese a todos os públicos, agrupando aos participantes en tres categorías: infantil, ata 12 anos; adulto, dende os 13 anos; e artística, que inclúe a todas as idades.  

Como novidade, este ano engádase a categoría “artística”, que é compatible coas outras dúas, polo que os participantes poden competir en adulto e artística ou en infantil e artística. As cabazas entregaranse o 30 de outubro de 2021, na Praza da Constitución entre as 11:00 e as 12:00. Todas as cabazas permanecerán en exposición durante o sábado 30 de outubro na mesma praza, ambientada para a ocasión, entre as 12:00 e as 17:00.

O xurado do concurso será a cidadanía de Vilalba, deste modo, instalarase unha furna selada na propia exposición. O público asistente poderá votar polas cabazas que máis lle gusten, emitindo un voto por persoa e categoría. Ás 17:00 horas, contabilizaranse os votos na Praza da Constitución. 

O Concello de Vilalba anima á veciñanza a acudir o día 30 con disfraces típicos do Samaín. Ademais, tras a entrega de premios, o Concello presentará o espectáculo de contacontos de Rilo&Penadique ‘Historias con susto para durmir a gusto’. 

O Concello de Vilalba concederá premios aos 3 primeiros clasificados/as de cada categoría, que consistirán en vales de 75, 50 e 25 euros, respectivamente, para gastar no comercio local, así como un diploma. Os vales poderán canxearse nos comercios recollidos nas bases do concurso. 

“Nesta actividade buscamos a participación de toda a cidadanía, xa que pode participar deseñando as súas propias cabazas ou votando polas súas favoritas. Agardamos que con esta iniciativa, Vilalba goce un ano máis do ambiente festivo que trae consigo o Samaín”, subliña Antía Rama, concelleira de Educación, Infancia e Mocidade, Feiras e Mercados. 

As persoas interesadas en participar deseñando a súa propia cabaza poden inscribirse ata o vindeiro 20 de outubro. As inscricións realízanse na sede electrónica do Concello https://vilalba.sedelectronica.es/  ou ben presencialmente por rexistro, 9:00 a 14:00, cubrindo a folla de inscrición dispoñible na web do concello www.vilalba.gal e na oficina de cultura.

No caso de realizarse a inscrición a través da Sede Electrónica, terán que presentar unha Instancia Xeral xunto co/s anexo/s que están a continuación debidamente cubertos. 

9 de Outubro de 2021

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies