O CONCELLO DE VILALBA PREMIA OS MELLORES ESCAPARATES DECORADOS DESTE NADAL

O certame, organizado pola concellería Comercio, buscaba promover e dar visibilidade aos negocios da localidade creando un ambiente propio das Festas do Nadal

O Concello de Vilalba entregou esta tarde, na Casa da Cultura, os premios do III Concurso de Escaparates de Nadal en Vilalba. O certame, organizado pola concellería Comercio, buscaba promover e dar visibilidade aos negocios da localidade creando un ambiente propio das Festas do Nadal.

En total, 39 establecementos participaron neste concurso. Nesta terceira edición do certame, o mellor escaparate segundo o xurado foi o presentado por “Pinturas A. Rouco”, premiado con 600 euros.

O segundo premio recaeu en “Carlín”, local premiado con 400 euros. Por último, o establecemento “A Chave dos Soños” foi, baixo a decisión do xurado, o terceiro mellor escaparate, con 200 euros de premio.

Doutra banda, o local “As Nubes” foi o escaparate máis votado pola cidadanía nas redes sociais, recibindo un premio de 100 euros.

“A ampla participación demostra a consolidación dun certame que embelece a nosa vila e fomenta as compras no comercio local durante o Nadal”, subliña Elba Veleiro, alcaldesa de Vilalba e presidenta do xurado deste certame.

O xurado estivo formado por Mª Sonia García, técnica de Cultura; Marta López, secretaria xeral da Federación de Comercio de Lugo; Ángel Ramil. Secretario do Consello Regulador da D.O. Queixo de San Simón; Mª del Socorro, directora do IES Basanta Silva; Juan Couso, representante de Santa Compaña Produccións; e Gloria López Santomé, deseñadora de Inditex.

A valoración dos escaparates baseouse na orixinalidade e a complexidade, a artesanía, a creatividade, o deseño e a calidade, o atractivo comercial e a decoración acorde ao produto de venda.

11 de Xaneiro de 2022

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies