O Concello de Vilalba repartirá mascarillas para toda a súa veciñanza

A entidade local fixo un pedido de 14.500 mascarillas hixiénicas para repartir entre toda a poboación, núcleo urbano e parroquias
Persoal do Concello e persoas voluntarias comezarán na xornada de mañá a repartir o material en todos os domicilios
 
Vilalba, 18 de abril de 2020
 
O Concello de Vilalba entregará mascarillas a todos os veciños e veciñas do termo municipal. As distribucións e entregas realizaranse por parte do persoal do Concello e dalgunhas persoas voluntarias en todos os domicilios do casco urbano e parroquias, e comezarase a partir de mañá, domingo, ás 10 horas. Este reparto casa a casa garantirá que todas as persoas dispoñan de mascarillas hixiénicas a empregar en caso de necesidade, saír á rúa para facer a compra, ir á farmacia, a unha cita médica, etc.
O goberno local fixo un pedido de 14.500 mascarillas “que acaban de chegar e que poremos a disposición de cada un dos nosos veciños”, confirmou o tenente de alcalde, Rodrigo Pavón. A dilatación no tempo do Estado de Alarma “incentivou que comezaramos a solicitar mascarillas desde o Concello, que xunto coas recibidas pola Delegación territorial da Xunta e a Subdelegación de Goberno, facilitaron a dotación de material de protección ás nosas traballadoras e traballadores que seguen expostos” subliñou Pavón, engandindo que “tamén fixemos algunha doazón ao SAF e ao centro de saúde, e entregáronse desde este luns a algunhas persoas de risco e traballadores da vila que volveron a abrir as portas dos seus negocios”.
Nesta liña, o seguinte paso “foi atender ás demandas de toda a poboación de Vilalba, tanto do urbano como das parroquias, co fin de contribuír na protección de toda a veciñanza de Vilalba”.
O traballo de distribución e entrega de mascarillas nunha poboación “moi dispersa” farase a través de empregados municipais e “persoas que colaborarán no rural para repartir polas casas nos vindeiros días”.
Desde o Concello agardan que se faga un uso responsable do material que se entrega de balde e piden que “sigan nos seus fogares respectando as normas e indicacións establecidas polas autoridades sanitarias”, poñendo de relevo que “para calquera dúbida poden chamar ao Concello, trataremos de dar resposta ás súas necesidades tal e como fixemos desde o primeiro momento”.
 

18 de abril de 2020

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies