O Concello de Vilalba revisará o rueiro e demais simboloxía para o cumprimento da Lei de Memoria Histórica

Realizará un catálogo que recolla todos os elementos que a día de hoxe incumpren a Lei 52/2007, de Memoria Histórica

O goberno de Vilalba vén de anunciar que revisará o rueiro e outros bens públicos con referencias e simboloxía franquista que aínda permanecen no municipio para o cumprimento da Lei de Memoria Histórica. O primeiro paso será realizar un catálogo que recolla os elementos que incumpren esta norma tanto no viario público como noutros bens, paso previo marcado por lei para a súa retirada.

Deste xeito, segundo a Lei 52/2007, no seu artigo 15, as administracións públicas, no exercicio das súas competencias, tomarán as medidas oportunas para a retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas da exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da Ditadura.

O Concello de Vilalba asume o compromiso de realizar un informe sobre os elementos que aínda permanecen na localidade con simboloxía franquista, con nomes de persoas vinculadas polas súas condutas ou traxectorias a este momento histórico. Neste senso, desde o goberno local dan este primeiro paso no recoñecemento da dignidade das vítimas do franquismo co fin de facer valer os principios de verdade, xustiza e reparación “para poñer un punto e final ao franquismo neste concello”. Afirman que “Vilalba non pode ser unha excepción ao cumprimento da Lei de Memoria Histórica”, engadindo que “non existiría para o noso pobo unha democracia plena sen revisar os vestixios dunha ditadura que marcou un episodio negro en todas as localidades do país”.

24 de abril de 2021

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies