O CONCELLO INICIA O PINTADO DA ZONA AZUL EN VARIAS RÚAS DO CENTRO PARA DINAMIZAR O ESTACIONAMENTO

A regulación do aparcadoiro terá un horario limitado a noventa minutos e será de balde, ademais o concello informará con antelación da súa data de entrada en vigor

O Concello de Vilalba comeza hoxe o pintado da zona azul en varias rúas do centro urbano, aínda que a medida non entrará en vigor polo momento.
 
Os traballos de pintado comezarán hoxe desde a rúa Campo de Puente ata o antigo ambulatorio, e continuarán nos próximos días se as condicións meteorolóxicas o permiten na rúa Placido Peña ata a intersección da rúa das Pontes de García Rodríguez, no aparcadoiro subterráneo da praza da Constitución e na rúa Pravia.
 
Non se realizarán de momento os traballos na rúa Xosé María Chao Ledo, xa que na mesma haberá unha actuación para poñer un novo aglomerado nas próximas semanas.
 
O Concello de Vilalba anunciou o pasado mes de novembro que ultimaba unha nova ordenanza de mobilidade que inclúe zona azul en determinadas rúas do centro urbano.
 
O horario será de luns a sábado de 09:00 a 14:00 horas, estando permitido o estacionamento de xeito gratuíto nun período máximo de noventa minutos.
 
Tamén se regulará o aparcadoiro subterráneo da praza da Constitución de luns a sábados de 09:00 a 19:00 horas, de xeito que os vehículos só poderán estacionar neste lugar o máximo permitido de noventa minutos. Non se implementará esta norma en Vilalba nin os domingos nin os días de feira.
 
“O obxectivo é dinamizar o estacionamento, que nas rúas máis transitadas non se aparque o vehículo desde a mañá ata a noite, pero deixando un amplo marxe de tempo gratuíto para facer xestións ou compras”, explica Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas do Concello de Vilalba.
 
Aínda non está fixada a data na que entrará en vigor a zona azul, da que o concello informará aos veciños e veciñas con antelación. 

11 de Xaneiro de 2022

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies