O Concello instalará unha carpa xunto ao Centro de Saúde para que a xente faga a súa espera a cuberto

O goberno local dá resposta con esta medida ás demandas da veciñanza tras semanas de espera sen un lugar no que se acubillar

Vilalba, 12 de decembro de 2020

O Concello de Vilalba instalará nos próximos días unha carpa diante do Centro de Saúde, onde os veciños e veciñas poderán resgardarse do frío e da choiva mentres agardan a súa cita para revisións, analíticas, probas ou mesmo o sintrom. Esta instalación temporal será colocada polo Concello “ante as múltiples queixas e a inacción da Xunta para dar resposta”.

A alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, manifestou que “moitas persoas fixéronnos chegar a súa desconformidade con esta situación, pois hai moita xente que ten que esperar fóra do ambulatorio sen ter un lugar no que acubillarse durante un período longo de tempo”, engadindo que “finalmente será o concello quen habilite esta carpa porque a Xunta non está dando resposta ás necesidades da veciñanza, nin neste nin en ningún outro concello”.

Esta medida vai encamiñada a “evitar que as persoas que acoden ao centro de saúde teñan que facer a súa espera á intemperie, con condicións climatolóxicas adversas que non son agradables para ninguén, especialmente pensando nos máis maiores e tamén nos pequenos”, subliñou Veleiro. Desde o goberno local pretenden “proporcionar unha solución e con isto tamén contribuír a facilitar e mellorar o traballo do persoal do Centro de Saúde”.

Así mesmo, piden que se respecten as distancias de seguridade “evitando posibles aglomeracións neste espazo”, e lembran que Vilalba vén de atravesar semanas críticas no eido sanitario “e toda axuda é pouca, estea dentro das nosas competencias ou non, nós traballamos para todos os vilalbeses e vilalbesas”.

12 de diciembre de 2020

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies