O Concello saca a concurso a xestión do Servizo de Axuda no Fogar

O valor estimado do contrato ascende a 15.284.049,48 euros cun prazo de execución de 3 anos máis dúas prórrogas posibles de 1 ano cada unha delas

Desde o goberno local recollen nos pregos un incremento do prezo/hora de máis de 4 euros, supoñendo un incremento para as arcas municipais de preto de 700.000 euros cada ano

Vilalba, 18 de novembro de 2019

O Concello de Vilalba anuncia que sae a concurso a prestación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) despois de dar conta á Comisión de Servizos Sociais con representación de todas as forzas políticas que integran a Corporación Municipal. Os pregos de contratación contemplan un valor estimado do contrato de 15.284.049,48 euros e un prazo de execución de 3 anos a contar desde o día seguinte á firma do contrato, máis 2 anos divididos en dúas posibles prórrogas. A contía do prezo/hora incrementarase en máis de 4 euros , pasando a ser de 15,96 euros/hora a hora ordinaria e 17,95 a festiva. Debido ó importe da contratación realizarase mediante procedemento aberto harmonizado.

O Concello de Vilalba autorizará o gasto do orzamento municipal pola contía anual de 2.838.740,71 euros, adquirindo o compromiso de habilitar o crédito necesario para dar cobertura á prestación deste servizo.

Con esta medida, preténdese garantir que a empresa adxudicataria e as propias traballadoras do servizo teñan a garantía do bo funcionamento tendo en conta a importancia do SAF nunha localidade como a de Vilalba, cunha poboación envellecida e moi dispersa. “Desde o momento no que entramos no goberno tivemos como prioridade dar solución a esta problemática, posto que o SAF é actualmente unha das prestacións máis necesarias no noso municipio”, subliñou a alcaldesa, Elba Veleiro, engadindo que “os Servizos Sociais do Concello traballaron a reo para sacar adiante esta contratación, polo que a día de hoxe amosámonos satisfeitas e á espera de que todo transcorra con normalidade”.

18 de noviembre de 2019

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies