O CONCELLO SOLICITARÁ UNHA SUBVENCIÓN DE 25.000 EUROS Á XUNTA PARA CORRIXIR O IMPACTO DA FACHADA DUN EDIFICIO MUNICIPAL

No caso de non obter a axuda autonónica, acometerá a actuación con fondos municipais

O Concello de Vilalba vai solicitar á Xunta de Galicia unha subvención para corrixir o impacto na contorna urbana da fachada do edificio municipal onde se presta actualmente o servizo de Atención Temperá.

En concreto, pedirá 25.000 euros nunha convocatoria de axudas para renovar fachadas “que supoñan un impacto paisaxístico como consecuencia da inexistencia dun adecuado acabado final, o deficiente estado de conservación ou a tonalidade e intensidade da actual cor de acabado”.

“Lamentablemente, a Xunta convoca de novo unhas axudas que se conceden por orde de chegada das solicitudes, cando deberían priorizar e ter en conta o impacto real das fachadas para a concesión obxectiva deste tipo de subvencións; outro procedemento autonómico máis por concorrencia non competitiva”, asegura Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas de Vilalba.

O Concello de Vilalba informa aos seus veciños e veciñas de que, no caso de non obter a axuda autonónica, acometerá a actuación con fondos municipais.

“Traballamos desde o comezo deste mandato municipal para humanizar o casco urbano de Vilalba, polo que consideramos que este edificio necesita un cambio de imaxe”, engade Fernández.

10 de Setembro de 2021

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies