O FIV DE VILALBA CELEBRARÁ UNHA NOVA EDICIÓN DO 17 AO 19 DE SETEMBRO

Xoel López, Zahara, Novedades Carminha, La Bien Querida, Melenas, Ortiga, dani, Momboi, Petit Pop, Magical Colours, beGun dj set e Rapariga Dj, no cartel da 14ª edición do FIV de Vilalba
  • Unha proposta musical adaptada ao contexto actual que contará coa apertura dun novo escenario con propostas emerxentes do panorama galego
  • Un evento necesario para a revitalización do territorio, posible grazas á aposta do Concello de Vilalba para a súa celebración nun ano que segue marcado polas restricións
  • Celebrarase os días 17, 18 e 19 de setembro. Os primeiros abonos sairán á venda proximamente.

O FIV de Vilalba está de volta. Celebrará este 2021 a súa 14ª edición, os días 17, 18 e 19 do próximo mes de setembro. Unha oferta musical que naceu anos atrás ao amparo das Festas Patronais de Vilalba e que, tras máis dunha década de historia, foi adaptándose aos tempos ata converterse nun referente do calendario festivaleiro nacional. Foi a partir da cuarta edición cando o festival adquiriu entidade propia, celebrándose ininterrumpidamente nos meses primaverais ano tras ano; ata a chegada da Covid19. Agora, tralo parón provocado polas circunstancias sanitarias, o FIV de Vilalba está, por fin, de volta; e faino adaptándose aos tempos.

Trátase dun evento único, no que a música se mestura con outras disciplinas atractivas que completan a experiencia. Un acontecemento clave para Vilalba, que pode desenvolverse grazas á aposta do concello por manter esta cita nun ano complexo, e que supón para a localidade unha inxección importante na revitalización económica, tan necesaria trala crise dos últimos meses. Emprego, promoción da localidade, e atracción do turismo. Repercusión para a vila de Vilalba non só a nivel comunitario, senón tamén a nivel nacional.

Serán tres días consecutivos de música e actividades, nos que os diferentes artistas actuarán simultaneamente nos escenarios situados na Praza da Constitución e no Campo da Feira. Enclaves queacollerán este novo FIV; espazos amplos que permiten a adaptación aos tempos e aos protocolos vixentes. Pois a edición deste 2021 será, ante todo, segura. O cambio de escenarios respecto a edicións anteriores, así como a modificación das datas, garanten a celebración do festival. Fan que o seu desenvolvemento sexa posible de acordo coas medidas sanitarias, e aseguran a súa viabilidade cara a edicións futuras.

O festival é tamén un dinamizador cultural do territorio. Polos seus diferentes escenarios pasaron recoñecidos artistas de primeira liña do panorama actual, e nesta edición manterase o aceno de identidade de perfil de bandas nacionais de corte indie / pop / rock, con algúns artistas xa habituais do festival.

Xoel López, Zahara, Novedades Carminha, La Bien Querida, Melenas, Ortiga, dani, Momboi, Petit Pop, Magical Colours, beGun dj set e Rapariga Dj, son as confirmacións dun atractivo cartel que fará que o público volte a gozar. O FIV Vilalba contará ademais cun espazo para artistas emerxentes no que os e as asistentes terán a oportunidade de descubrir ás voces do futuro.

Este festival marcou, de sempre, a apertura do calendario festivaleiro. Conta ademais cun público fiel en cada unha das súas edicións, e vese como unha proposta cultural accesible para un público de case calquera idade. Esta edición conxuga a esencia do propio FIV marcada por artistas habituais e concertos xa consolidados como o da Banda Municipal de Música de Vilalba, con outras novidades. Deste concepto nace FIV KIDS, un espazo para os pequenos e as pequenas da casa, no que gozarán de ofertas adaptadas aos seus intereses.

O FIV, xunto ao Concello de Vilalba, dará nesta edición continuidade á programación paralela do festival, aproveitando distintos espazos da localidade, dinamizando e ampliando a actividade na vila. Actividades paralelas, aderezadas coa mellor música indie do panorama nacional, e coa posibilidade de combinalo todo coa oferta gastronómica local. Trátase de renacer, pero sen perder a esencia, sen embargo, un novo FIV necesita unha nova imaxe, de aí o cartel desta 14ª edición do festival, no que se destaca a importancia e o protagonismo de Vilalba.

Proximamente ampliarase información sobre as actividades paralelas do festival.

20 de Xullo de 2021

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies