PRETO DE 11.000 VECIÑOS E VECIÑAS XA SOLICITARON O SEU BONO DE 30 EUROS

PRETO DE 11.000 VECIÑOS E VECIÑAS XA SOLICITARON O SEU BONO DE 30 EUROS PARA COMPRAR NO COMERCIO LOCAL DENTRO DA CAMPAÑA ‘REACTIVA VILALBA’, CON 135 NEGOCIOS ADHERIDOS

Vilalba, 21 de novembro de 2020. O Concello de Vilalba informa de que xa recibiu unhas 11.000 solicitudes de veciños e veciñas para ter os seus bonos de consumo da campaña #ReActivaVilalba.
 
O Concello inxectará máis de 420.000 euros ao comercio local a través de bonos de 30 euros que a veciñanza pode solicitar ata o 30 de novembro e gastar ata o 8 de decembro. Ademais das 11.000 solicitudes, hai 135 establecementos ou profesionais adheridos á campaña.
 
Calquera persoa empadroada no Concello de Vilalba pode solicitar os bonos, non é necesario ter ningún tipo de antigüidade. No caso de menores ou de persoas con discapacidade, será a nai, o pai, o titor/a ou representante legal quen o faga no seu nome. Son 30 euros para cada persoa (se nun domicilio viven cinco persoas empadroadas, correspondenlles 150 euros en total).
 
O procedemento de solicitude será preferiblemente telemático a través da web www.bonosconsumovilalba.com. Unha vez o concello comprobe os datos achegados polo solicitante, emitirase un bono cun código QR que se enviará a través do correo electrónico á persoa solicitante. De non ser posible solicitar o bono telemáticamente, os participantes poden inscribirse na Casa do Concello en horario de 9:00 a 14:00. 
 
“Con esta iniciativa pretendemos reactivar o comercio local, un sector prexudicado pola actual crise, axudando tamén ao consumo da veciñanza”, explica Marta Rouco, concelleira de Comercio. 
 
Para comprar cos bonos de consumo, os solicitantes deberán presentar o bono nos establecementos adheridos á campaña, dispoñibles na páxina web do programa. Os bonos deberán trocarse nunha única compra, nunha soa tenda e puidendo facer compras superiores a 30 euros, sempre que se pague a diferenza. Non se poderán trocar por compra de tabaco, bebidas alcohólicas ou xogos de apostas. 

21 de noviembre de 2020

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies