VILALBA DESTINA 630.000 EUROS DO PLAN ÚNICO AO RURAL, GASTO SOCIAL E FOMENTO DO EMPREGO

As actuacións para o rural suman máis de 222.000 euros, con obras de reforma e renovación do pavimento en viais de Oleiros (48.387,36 euros), Belesar (68.971,12 euros), Uceira (48.369,53 euros) e Corvelle/Samarugo (57.102,34 euros).

Vilalba, 27 de febreiro de 2021. O Concello de Vilalba xa ten decididas as obras e proxectos incluídos nas partidas do Plan Único 2021 da Deputación da Lugo, con 630.000 euros en actuacións para mellorar as infraestruturas do municipio e un importante investimento nas parroquias e as zonas rurais, gasto social e un programa de fomento do emprego.

En concreto, as partidas do Plan Único suporán un investimento conxunto de 271.230,33 euros para obras de reforma e renovación do pavimento en viais de Oleiros (48.387,36 euros), Belesar (68.971,12 euros), Uceira (48.369,53 euros) e Corvelle/Samarugo (57.102,34 euros). Outra actuación, de 48.399,98 euros, servirá para poñer en marcha unha nova zona biosaudable de lecer e xogos na praza da Constitución.

No eido social, haberá 180.000 euros para mellorar e reforzar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), mentres que 176.809,26 euros irán destinados a un programa de fomento do emprego que permitirá a contratación de dous peóns de obras, un xardineiro, un electricista, un administrativo, un técnico de medio ambiente e outro de turismo.

“Este ano, o Plan Único irá destinado básicamente a renovar as infraestruturas de comunicación do rural, un dos obxectivos do noso grupo de goberno para mellorar a vida dos veciños e veciñas das parroquias, así como para reforzar o gasto social e o fomento do emprego, algo moi necesario nestes tempos de pandemia”, explica Elba Veleiro, alcaldesa de Vilalba.

Un dos proxectos permitirá a rexeneración integral do vial municipal que comunica a zona sur da parroquia de Samarugo coa estrada provincial LU-P-6505, na parroquia de Corvelle. Ten un percorrido lonxitudinal de 3.155 metros e un ancho medio de 3,80 metros.

Tamén haberá traballos no vial municipal que atravesa en dirección norte as parroquias de Sancobade e Goiriz, incluído o barrio de A Uceira, dende a estrada LU-120. Esta vía é o percorrido natural da veciñanza destes núcleos de poboación, en dirección ás principais vías de comunicación cara o centro urbán de Vilalba.

En Belesar, as obras realizaranse na vía de titularidade municipal que comeza na estrada provincial LU-P-6511, no núcleo de Aldea, e que discorre en dirección sureste pola parroquia ata o núcleo de Outeiro, onde continúa ata a igrexa de Belesar, na que finaliza a actuación prevista polo Concello.

En Oleiros, a actuación inclúe é a limpeza de noiros, rexeneración e sinalización da vía de titularidade municipal 065-010, entre a estrada provincial LU-P-6510 e o límite municipal.

Por último, Concello de Vilalba fará obras para a creación dun novo espazo de xogos infantís e biosaudables, co obxectivo de humanizar os parterres existentes na parte oeste da praza da Constitución.

Esta actuación completará o parque infantil existente na praza, recentemente reformado polo goberno local. A intención do concello é a creación dun gran espazo de lecer na principal praza do municipio, con xogos infantís adaptados a todas as idades e aparatos adaptados ao coidado da saúde e da mobilidade das persoas adultas. 

“Os proxectos do Plan Único son tamén fundamentais para reactivar a economía local despois destes meses tan duros pola pandemia do coronavirus”, engade a alcaldesa de Vilalba.

27 de febrero de 2021

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies