VILALBA, ENTRE OS CONCELLOS DUNHA CONVOCATORIA DE AXUDAS PARA PROXECTOS EN ZONAS DE TRANSICIÓN XUSTA

Poderán optar a recibilas 184 municipios, entre os que está Vilalba

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) concederá 91 millóns de euros en axudas a concellos ubicados nas zonas de Transición Xusta.

Poderán optar a recibilas os 184 municipios situados en zonas incluídas nos procesos dos convenios de transición xusta, entre os que está o Concello de Vilalba.

“É unha gran oportunidade para impulsar proxectos en Vilalba que sirvan para dinamizar a economía local, apostando sempre por iniciativas sostibles”, aseguran os concelleiros Marta Rouco e Luis Fernández.

Entre as actuacións elexibles incluíronse, entre outras, a rehabilitación de edificios, aldeas, poboados ou outros tipos de infraestruturas para novos usos de carácter social; a prestación de servizos públicos ou a mellora do acceso a vivendas; os espazos destinados ao coidado das persoas ou para favorecer a corresponsabilidade familiar; a vivenda social e as vivendas para novos poboadores.

Tamén se valorará a innovación dixital e a promoción do emprendemento e o desenvolvemento económico, como espazos de emprendemento, coworking e/ou fomento da investigación e innovación, ou para aproveitamento de recursos propios do territorio e o desenvolvemento turístico.

Acéptanse por outra parte proxectos de infraestruturas ambientais para a posta en valor do medio natural, a mellora de servizos ambientais e a rexeneración das zonas, como o acondicionamento ou realización de camiños, carreiros e paseos fluviais para a recuperación do patrimonio e recursos naturais, así como a creación de infraestruturas verdes e azuis, como, por exemplo, áreas de interpretación da natureza.

Adicionalmente, poderán recibir axudas os proxectos de creación de hortos urbanos/comunitarios, a creación de plantas de compostaxe ou plantas de provisión de biomasa e/ou puntos municipais de recollida de biomasa para a súa venda a centrais de enerxía ou a proxectos de transformación, restauración de terreos degradados e contaminados, ao obxecto de recuperar a biodiversidade e a flora autóctona.

Por último, poderán financiarse solucións de mobilidade sostible, como proxectos innovadores para a comunicación entre municipios ou núcleos illados de poboación, actuacións de recuperación e uso alternativo de infraestruturas de transporte existente, e a adecuación de vías urbanas e de espazos públicos para a integración e o uso ordenado de solucións de mobilidade eléctrica.

4 de Xaneiro de 2022

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies