VILALBA ESIXE Á XUNTA “UN COMPROMISO CONCRETO E A CURTO PRAZO” CO CENTRO DE DÍA

O CONCELLO DE VILALBA ESIXE Á XUNTA “UN COMPROMISO CONCRETO E A CURTO PRAZO” CO CENTRO DE DÍA, “UNHA PRIORIDADE QUE NON CHEGA DESPOIS DE ANOS DE PROMESAS INCUMPRIDAS”

“Falamos dunha necesidade básica, é unha competencia autonómica e vemos como si hai partidas para centros de día noutros concellos moito máis pequenos que Vilalba”, afirma o grupo de goberno
 
Vilalba, 17 de febreiro de 2021. O grupo de goberno do Concello de Vilalba demanda á Xunta de Galicia “un compromiso claro e concreto, con datas a curto prazo e partidas económicas, para poñer en marcha o centro de día no noso municipio”.
 
O centro de día de Vilalba é “unha prioridade e unha necesidade para un concello con máis de 14.000 habitantes, os nosos veciños e veciñas teñen que irse a municipios limítrofes se queren acceder a un servizo deste tipo”.
 
O pasado mes de xaneiro, a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, e o primeiro tenente de alcalde do concello, Rodrígo Pavón, mantiveron unha reunión de traballo co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao que lle trasladaron as prioridades municipais naqueles temas nos que é necesaria a intervención da goberno autonómico.
  
Nesa xuntanza, o Concello de Vilalba deixou claro que “a construción dun centro de día é prioritaria, pero falamos dunha competencia autonómica e necesitamos o compromiso da Xunta”.
 
A intención do grupo de goberno é utilizar parte dos terreos da estación de autobuses para o centro, como xa lle manifestara tamén o pasado mes de outubro a alcaldesa ao delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias.
 
“Vilalba leva anos demandando o centro de día e o anterior goberno municipal prometeuno en varias ocasións, pero as promesas non se concretan mentres vemos que si hai partidas e proxectos para outros concellos máis pequenos e da mesma cor política que a Xunta”, engade o grupo de goberno.

17 de febrero de 2021

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies