VILALBA REALIZA O SEU PRIMEIRO INVENTARIO DE CAMIÑOS MUNICIPAIS

Aportará unha maior seguridade xurídica á veciñanza, cunha aclaración precisa sobre que vías son de titularidade pública e cales privadas.

O Concello de Vilalba comezou a realización dun inventario de camiños municipais. O goberno local destaca a importancia deste proxecto, dado que non existía con anterioridade un inventario completo das vías do municipio.

Ademais, o inventario aportará unha maior seguridade xurídica á veciñanza, cunha aclaración precisa sobre que vías son de titularidade pública e cales privadas.

A empresa encargada de elaborar o inventario impulsado polo goberno local de Vilalba xa está co traballo de campo na parroquia de Alba, procedendo a realizar a catalogación dos camiños municipais durante 10 meses de traballo.

O traballo de inventario comeza cunha selección de todos os camiños susceptibles de ser municipais. Esta escolma realizase con apoio dos planos catastrais, de ortofotos e doutras referencias cartográficas dispoñibles. Con esta documentación, marcaranse as vías que non son susceptibles de ser municipais, así como aquelas vías que poidan suscitar dúbidas.

Esta selección dará como resultado un mapa con todos os camiños que se catalogarán e que será revisado por persoal designado do Concello de Vilalba.

A continuación, realizaranse diversas reunións con persoas designadas polo Concello de Vilalba coñecedoras dos distintos lugares. Estas persoas servirán de apoio ao traballo de campo dos técnicos durante a elaboración do inventario.

A última fase do traballo será a entrega definitiva do inventario, que incluirá ademais a impresión de planos, fichas individuais de cada un dos bens inventariados e un listado de todos os camiños e fincas.

“A relevancia do proxecto para o Concello de Vilalba radica na clara necesidade deste inventario, co que aínda non contabamos, e que aumentará a seguridade xurídica da nosa cidadanía e das diferentes actuacións impulsadas pola administración”, explica Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas de Vilalba.

3 de abril de 2021

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies