O evento, que se celebrará o vindeiro domingo 8 de xuño, enmárcase na iniciativa posta en marcha polo goberno local para dinamizar a Praza de Santa María nos días de feira mensual
A alcaldesa, Marta Rouco, e a concelleira de Feiras e Mercados, Paula Vigo, presentaron hoxe a primeira edición do mercado de segunda man de Vilalba que levará o nome de “Vintalba”.
“Unha proposta coa que damos continuidade á iniciativa posta en marcha para dinamizar a zona da Praza de Santa María os días de feira mensual” explicou a alcaldesa, Marta Rouco, quen adiantou que “precisamente por iso, esta primeira edición do mercado de segunda man celebrarase na Praza de Santa María o domingo 8 de xuño, coincidindo coa nosa feira mensual”.
En canto ao funcionamento do mercado, os interesados poderán expor os seus produtos nos postos instalados polo Concello. “Calquera artigo de segunda man nun bo estado de conservación: dende roupa, calzado ou accesorios, ata electrodomésticos, mobles, xoguetes e un longo etcétera” apuntou a rexedora, Marta Rouco.
“Como requisito para poder participar deberán ter un mínimo de 20 produtos para vender ou intercambiar” subliñou a concelleira de Feiras e Mercados, Paula Vigo, quen explicou que “esta primeira edición terá un horario continuado de 10 a 15 horas”.
As persoas interesadas en participar, que deberán ser particulares maiores de idade ou asociacións sen ánimo de lucro, poden inscribirse cubrindo o formulario anexo ás bases dispoñibles en www.vilalba.gal e “deberán envialo entre o 12 e o 26 de maio por correo electrónico a feiras@vilalba.es”, aclarou Paula Vigo.
Finalmente, a alcaldesa, Marta Rouco, animou aos veciños e veciñas “a participar neste mercado que ademais de contribuír a dinamizar a nosa vila é unha ferramenta idónea para dar unha segunda vida ás nosas pertenzas, reducindo o desperdicio e facendo un uso máis eficiente dos nosos recursos”.