A alcaldesa mantén unha reunión con Feijoo para falar sobre o Centro de Día e outras prioridades para o Concello

A ALCALDESA DE VILALBA TRASLÁDALLE PERSOALMENTE AO PRESIDENTE DA XUNTA A PRIORIDADE DUN CENTRO DE DÍA, DE AXILIZAR O CONVENIO PARA XESTIONAR O COMEDOR DA ESCOLA INFANTIL E DA REFORMA DA LU-119

Elba Veleiro e o primeiro tenente de alcalde, Rodrigo Pavón, mantiveron unha “cordial e fructífera” reunión en Santiago con Alberto Núñez Feijóo
 
Vilalba, 18 de xaneiro de 2021. A alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, e o primeiro tenente de alcalde do concello, Rodrígo Pavón, mantiveron hoxe unha reunión de traballo co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao que lle trasladaron as prioridades municipais naqueles temas nos que é necesaria a intervención da goberno autonómico.
 
“Pedimos a reunión desde o concello e hoxe celebrouse nun ambiente de cordialidade, é importante afianzar a relación institucional entre administracións e o presidente da Xunta mostrou receptividade ás nosas demandas, polo que esperemos que cheguen pronto os resultados”, asegura a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro.
 
Para o Concello de Vilalba é prioritaria a construción dun centro de día, unha competencia autonómica, para evitar que as veciñas e veciños teñan que desplazarse a concellos limítrofes.
 
A intención do concello é utilizar parte dos terreos da estación de autobuses para o centro de día, como xa lle manifestara a alcaldesa de Vilalba o pasado mes de outubro ao delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias.


 
Na reunión de hoxe, Veleiro e Pavón demandaron tamén “axilidade” para a sinatura do convenio necesario para a xestión municipal do comedor da escola infantil. “É unha competencia autonómica pero decidimos asumila porque os pais e nais necesitan o servizo, polo que só falta activar o convenio coa Xunta, que nos confirmaron que se firmaría a mediados do mes de febreiro”, explica a alcaldesa.
 
Por último, pedíronlle a Núñez Feijóo a reforma dos dous quilómetros da estrada LU-119, a entrada ao núcleo urbano desde Lugo, que presenta unha capa de rodadura nun estado moi deteriorado, así coma as obras necesarias para oo arranxo das beirarrúas de ambos marxes. Trátase da última vía que queda por arranxar tralo proceso de transferencia de varios viais realizado no ano 2010.
 
“Quixemos trasladarlle estes temas de vital importancia, o centro de día, a xestión do comedor e a rexeneración do vial e as beirarrúas na rúa Galicia e Cidade de Lugo, sen perder a oportunidade de recordarlle outros asuntos, como a necesidade de incrementar a aportación da Xunta ao Servizo de Axuda no Fogar, a colaboración autonómica na ampliación do polígono industrial Sete Pontes ou as obras necesarias para o reacondicionamento e posta en valor do Mupav”, engade Rodrigo Pavón.