– O Concello de Vilalba propón buscar unha nova localización para garantir un servizo de transporte público accesible e seguro e destinar os actuais terreos a vivenda pública
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, dirixiuse directamente ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, para reclamar unha solución para a estación de autobuses, despois de anos de peticións e reunións coa Dirección Xeral de Mobilidade sen que se concretase unha proposta para resolver a situación actual da infraestrutura.
A rexedora trasladou ao presidente da Xunta, mediante unha carta, a necesidade de actuar con urxencia e celeridade para garantir en Vilalba un espazo adecuado para o transporte público e para as persoas usuarias do servizo.
O Concello lembra que durante os últimos anos mantivo diferentes contactos coa Dirección Xeral de Mobilidade para abordar o estado da estación. Nesas comunicacións trasladouse a necesidade de buscar unha solución e, segundo explica a alcaldesa, tamén se comprometeron propostas por parte da administración autonómica que finalmente non chegaron a concretarse.
Ante esta situación, Marta Rouco decidiu elevar directamente a petición ao presidente da Xunta e trasladarlle unha proposta concreta para o futuro do transporte público en Vilalba.
UNHA NOVA LOCALIZACIÓN PARA GARANTIR UN SERVIZO EN CONDICIÓNS
A proposta municipal parte dunha premisa clara: Vilalba necesita seguir contando cun espazo adecuado para o transporte público.
O Concello non contempla abandonar esta infraestrutura nin renunciar a ofrecer un servizo de calidade ás persoas usuarias. Pola contra, propón estudar unha nova localización que permita dispoñer dun espazo máis accesible, seguro e cómodo, adaptado ás necesidades actuais.
Entre os servizos mínimos que o Concello considera necesarios inclúense: un espazo adecuado para os autobuses, unha zona cuberta de espera para as persoas usuarias, condicións adecuadas de accesibilidade, baños públicos e paneis informativos cos horarios e as rutas.
“Tras anos reclamando unha solución, considero que xa non podemos seguir esperando. Vilalba necesita un espazo digno para o transporte público e temos que buscar unha solución que garanta unhas condicións adecuadas para as persoas usuarias”, sinala Marta Rouco.
A alcaldesa insiste en que o Concello leva tempo trasladando estas necesidades á Xunta e que a situación actual da estación fai necesario pasar das reunións a unha actuación concreta.
“Levamos moitos anos pedindo á Xunta unha solución para a estación de autobuses. Tivemos reunións coa Dirección Xeral de Mobilidade, trasladamos propostas e esperabamos unha resposta que non chegou. Por iso decidín dirixirme directamente ao presidente da Xunta e pedir que se actúe con urxencia.”
OS TERREOS ACTUAIS, UNHA OPORTUNIDADE PARA CREAR VIVENDA PÚBLICA
A proposta trasladada a Alfonso Rueda incorpora tamén unha segunda cuestión: os terreos nos que se sitúa actualmente a estación son de titularidade municipal.
Por este motivo, o Concello propón que, no caso de atoparse unha nova localización adecuada para o transporte público, os actuais terreos poidan ser estudados como espazo para a construción de vivenda pública.
A alcaldesa considera que deste xeito se poderían abordar dúas necesidades diferentes: por unha banda, garantir unha infraestrutura de transporte público en condicións e, pola outra, aproveitar patrimonio municipal para contribuír a aumentar o parque público de vivenda.
“Non estamos falando de deixar Vilalba sen un espazo para o transporte público. Estamos falando de buscar unha solución mellor e, se conseguimos unha nova localización, aproveitar os actuais terreos municipais para responder tamén a unha necesidade que temos na nosa vila: a vivenda pública.”
UNHA PROPOSTA CONCRETA E UNHA PETICIÓN DE CELERIDADE
A alcaldesa reclama agora á Xunta que dea resposta á proposta e se sente co Concello para estudar as diferentes alternativas.
O goberno local considera que a situación da estación non pode prolongarse máis no tempo e que é necesario analizar canto antes unha nova localización que permita garantir o servizo de transporte público con condicións axeitadas.
“Desde o Concello estamos dispostos a colaborar e a poñer enriba da mesa todo o que estea na nosa man para buscar unha solución. O que pedimos é que a Xunta tamén dea ese paso e que poidamos traballar conxuntamente nunha alternativa concreta.”
“Temos dúas necesidades claras: garantir un bo transporte público e aumentar as posibilidades de acceso á vivenda. Esta proposta permítenosestudar as dúas cuestións aproveitando un patrimonio que é de todos os vilalbeses e vilalbesas.”
Esta iniciativa enmárcase, ademais, no traballo que o Concello está realizando para aproveitar o patrimonio municipal e impulsar novas posibilidades de vivenda pública, como o proxecto das Casas dos Mestres, na rúa Cuart de Poblet, que contempla a rehabilitación do edificio para crear seis vivendas de alugueiro social.
“O que estamos facendo é poñer propostas concretas enriba da mesa. Temos patrimonio municipal, temos necesidades claras e temos vontade de colaborar. Agora necesitamos que as administracións competentes traballemos xuntas para que estas oportunidades poidan converterse en realidade.”